- Luis López indicou que, un ano máis, os orzamentos medran na provincia ata acadar preto de 4.400 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,3%.
- Destaca a cifra histórica de 238,3 millóns de euros para vivenda e o avance definitivo do Novo Hospital Montecelo cun investimento de 55,2 millóns de euros.
- O dirixente popular amosouse orgulloso dunhas contas que, blindan o presente e aseguran o futuro da provincia, impactando de xeito directo na calidade de vida dos veciños para seguir construíndo entre todos a mellor Pontevedra posible.
- Puxo en valor 4 grandes eixes: dereito a unha vivenda digna; protección da saúde, educación e benestar social; sustentabilidade; e o impulso do motor económico: mar, turismo e emprego.
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luís López, valorou hoxe os orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2027, destacando que un ano máis medran na provincia ata acadar exactamente 4.359 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,3%. Esta histórica inxección económica repercutirá de maneira moi positiva na cidadanía, xa que o investimento por persoa pasa de 4.266 euros en 2026 a 4.591 euros para este vindeiro ano, uns 325 euros máis por habitante, preto dun 8% de incremento.
O dirixente popular amosouse “realmente orgulloso” duns orzamentos que demostran o compromiso coa provincia, blindan os piares do benestar e impulsan os sectores estratéxicos a través de catro grandes eixes: o dereito a unha vivenda digna, a protección da saúde, a educación e o benestar social, a sustentabilidade e o impulso do motor económico: mar, turismo e emprego
Unha aposta histórica polo dereito á vivenda
Os orzamentos mobilizan na provincia de Pontevedra a cifra récord de 238,3 millóns de euros destinados exclusivamente á vivenda. Desta cantidade, 140 millóns de euros dirixiranse á construción de vivendas de promoción pública e solo residencial. Con este impulso, Pontevedra convértese no motor desta política en toda Galicia, asumindo o 40% do investimento total da comunidade para o desenvolvemento de solo.
Sanidade, educación e protección social como prioridades
O coidado das persoas centra a maior parte dos esforzos das novas contas, con investimentos crave en infraestruturas de saúde e servizos sociais.
O novo Hospital Montecelo avanza con paso firme cara á súa posta en servizo completa neste 2027 cun investimento de 55,2 millóns de euros entre obra e equipamento. Na área de Vigo transformaranse as urxencias do Álvaro Cunqueiro, reforzarase o Meixoeiro e impulsaranse novos centros de saúde en Vilagarcía, Sanxenxo, Meis, Barro e Soutomaior.
No eido educativo, incorporaranse preto de 1.000 novos docentes. Destínanse 70 millóns de euros a comedores escolares e mantense, por quinto ano consecutivo, a gratuidade total das escolas infantís, beneficiando a máis de 11.400 nenos e nenas pontevedreses.
En benestar social, resérvanse preto de 97 millóns de euros para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para atender a 3.800 beneficiarios. Así mesmo, destinaranse 120 millóns de euros para os bonos de dependencia e axudarase a 5.000 familias a través do Bono Concilia.
Unha terra sostible, conectada e segura
A Xunta reforza o seu compromiso co medio ambiente, a mobilidade e o rural en Pontevedra. Destínanse 31,2 millóns de euros para saneamento, depuración e abastecemento en concellos como Vilagarcía, Poio, Barro, Vilanova ou A Illa de Arousa.
O orzamento da Dirección Xeral de Mobilidade medra un 11,3% ata superar os 69,2 millóns de euros, reforzando a tarxeta Xente Nova e mellorando estradas con máis de 15 millóns para conservación. Tamén se garante o avance da Vía de Altas Prestacións Tui-A Guarda.
E en Medio Rural, o orzamento medra por riba do 35%. Ante o reto dos incendios forestais, os recursos de prevención e defensa increméntanse un 164%, alcanzando os 7,7 millóns de euros.
Mar, Turismo e Emprego como motores económicos
O tecido produtivo pontevedrés recibirá un impulso estratéxico para xerar novas oportunidades de futuro. Nesta liña, Portos de Galicia incrementa o seu orzamento anual nun 75%, consignando 6,4 millóns de euros para 2027 que activarán actuacións plurianuais de 50 millóns no litoral, incluíndo a dragaxe do río Lérez.
Prevese un impacto de 14,4 millóns de euros para apoiar aos autónomos e destínanse 20 millóns de euros ao impulso de parques empresariais como os de Lalín, Poio ou Toedo-A Estrada.
Co horizonte do e Xacobeo 2027, a provincia prepárase cunha programación especial de 3,1 millóns de euros e plans de sostibilidade turística. Destacan tamén as actuacións no convento de Santa Clara (1,5 millóns de euros), a segunda fase do Museo Massó de Bueu (700.000€), e a reforma do campamento xuvenil en Pontemaril (Forcarei), ademais de poñer en marcha accións para o impulsar o coñecemento, uso e prestixio do galego.
Luís López concluíu agradecendo ao Goberno galego unhas contas que blindan o presente e aseguran o futuro da provincia, impactando de xeito directo na calidade de vida dos veciños para seguir construíndo entre todos a mellor Pontevedra posible.

