O alcaldable socialista mantivo unha reunión de traballo coa directiva do Colexio Oficial de Enfermaría, que representa a preto de 2.400 profesionais na provincia cunha importante parte concentrada no municipio
Fernández trasladou o seu compromiso de apoiar, a partir de maio de 2027, as iniciativas do colectivo en ámbitos como as emerxencias sociais vinculadas á saúde mental, a prevención e a promoción de hábitos saudables
O encontro abordou tamén a falta de cobertura das baixas nos centros sociosanitarios, a ausencia de postos específicos para enfermeiras especialistas en Xeriatría e a necesidade de consolidar a Escola de Enfermaría de Lugo
O alcaldable socialista á Alcaldía de Lugo, Miguel Fernández, mantivo unha reunión de traballo coa directiva do Colexio Oficial de Enfermaría da provincia para coñecer de primeira man as principais demandas e necesidades do colectivo e analizar posibles vías de colaboración institucional. Fernández comprometeuse a prestar todo o apoio do Concello, a partir de maio de 2027, para impulsar iniciativas que permitan mellorar a atención á cidadanía e recoñecer o papel esencial que desempeñan as preto de 2.400 profesionais da Enfermaría na provincia.
Un dos asuntos centrais da reunión foi a atención ás emerxencias sociais relacionadas coa saúde mental. A directiva trasladou a preocupación polas dificultades existentes para dar unha resposta adecuada a determinadas situacións de vulnerabilidade, que en moitas ocasións están a derivar en persoas con problemas de saúde mental cara a residencias destinadas a persoas maiores, recursos que non sempre responden ás súas necesidades. Miguel Fernández considerou necesario buscar unha solución coordinada entre as administracións e os servizos implicados, para que cada persoa poida recibir unha atención axeitada á súa situación.
Outro dos temas abordados foi a falta de cobertura das baixas de persoal. As representantes do Colexio advertiron de que estas ausencias non se están substituíndo coa suficiente regularidade, unha situación que repercute nas condicións de traballo dos equipos e na calidade asistencial. Fernández comprometeuse a trasladar esta reivindicación e a defender unha dotación de persoal que permita garantir a continuidade e a calidade dos servizos sanitarios.
A reunión tamén puxo o foco na situación das enfermeiras especialistas en Xeriatría. Aínda que Galicia creou esta categoría profesional, o colectivo denuncia que non existen listas de contratación nin postos específicos que permitan desenvolver esta especialidade no sistema sanitario público. Unha realidade especialmente difícil de entender nunha provincia cunha poboación moi envellecida e que, ademais, forma durante dous anos profesionais nesta especialidade en Lugo. “Non ten sentido investir na formación de enfermeiras especialistas en Xeriatría e despois non ofrecerlles oportunidades para traballar aquí, obrigándoas a marchar a outros territorios”, sinalou Fernández.
As agresións ao persoal sanitario foron outro dos temas tratados. A directiva considera que a normativa actual presenta marxe de mellora, tanto pola contía das sancións como pola duración dalgunhas medidas, como os cambios de cupo limitados a cinco anos. Fernández compartiu a necesidade de revisar estes mecanismos e de ofrecer respostas proporcionadas e contundentes, especialmente ante os casos de agresores reincidentes. “Quen coida da nosa saúde debe poder desenvolver o seu traballo con seguridade e respecto. As agresións non poden quedar sen unha resposta exemplarizante”, afirmou.
No ámbito educativo, as representantes do Colexio trasladaron a necesidade de incorporar profesionais da Enfermaría aos centros escolares, unha figura que consideran fundamental para a prevención, a educación para a saúde e a atención das necesidades do alumnado. Aínda que se trata dunha competencia da Xunta de Galicia, Fernández defendeu que o Concello tamén pode contribuír a impulsar hábitos saudables desde o ámbito municipal. Nesa liña, recuperou a proposta de estender os programas de almorzos saudables a todos os colexios de Lugo, unha iniciativa que durante unha etapa anterior, coa colaboración de Luisa Zarzuela, tivo unha moi boa acollida. “A prevención e a promoción da saúde comezan desde a infancia. Temos que traballar para que todos os nenos e nenas teñan acceso a unha alimentación equilibrada e incorporen hábitos saudables desde pequenos”, explicou.
Miguel Fernández traballa no obxectivo de lograr unha facultade propia
A consolidación da Escola de Enfermaría de Lugo como centro de referencia foi tamén unha das principais reivindicacións compartidas durante o encontro. O colectivo considera imprescindible que exista un compromiso formal que garanta o seu futuro e evite que a actividade e a capacidade formativa de Lugo queden diluídas ou centralizadas en Santiago. Fernández mostrou o seu apoio a esta demanda, que promoveu como alcalde, e defendeu que a cidade debe preservar e fortalecer unha estrutura académica esencial para formar profesionais e responder ás necesidades sanitarias do territorio. “Lugo non pode resignarse a perder capacidades nin a deixar que Santiago fagocite recursos e proxectos que deben ter continuidade na nosa cidade. Necesitamos compromisos claros e por escrito”, apuntou.
Durante a reunión tamén se lembrou a etapa de Miguel Fernández á fronte da presidencia do Colexio, na que se impulsaron medidas de modernización e democratización da entidade e se traballou para reforzar a presenza e o recoñecemento social da profesión. A directiva puxo en valor aquel período e trasladoulle o seu agradecemento polo cambio de orientación e pola apertura do Colexio aos seus profesionais. “Tes que sentirte moi orgulloso de ter democratizado o Colexio e de ter cambiado a visión que a sociedade tiña da profesión”, lembraron durante o encontro.
Por último, as partes abordaron a celebración en 2029 do centenario do Colexio Oficial de Enfermaría. Miguel Fernández comprometeuse a colaborar, desde a Alcaldía, en todo o que sexa necesario para contribuír á conmemoración desta efeméride e ao recoñecemento público dunha institución cunha longa traxectoria de servizo á provincia. O alcaldable socialista destacou o carácter próximo e familiar do Colexio, o contacto directo que mantén cos seus colexiados e o intenso labor formativo e de actividades que desenvolve. “A Enfermaría é imprescindible para o funcionamento do sistema sanitario e para o benestar da sociedade. Lugo ten que estar ao lado dos seus profesionais, escoitar as súas demandas e acompañar as súas reivindicacións”, concluíu.

