O Pleno de Antas de Ulla aproba medidas clave para o desenvolvemento urbanístico, a organización municipal e o saneamento económico

Redacción
OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O Goberno local destaca o avance na xestión municipal, a redución da débeda e a captación de investimentos sen incrementar a presión fiscal á veciñanza

O Concello de Antas de Ulla celebrou a pasada semana unha nova sesión plenaria na que se aprobaron distintos asuntos de relevancia para o funcionamento municipal, o desenvolvemento urbanístico e a estabilidade económica da administración local.

Entre os puntos abordados durante o pleno destaca a aprobación definitiva da resolución das alegacións presentadas á ordenanza da madeira, que entrará en vigor unha vez sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Esta normativa permitirá avanzar na regulación e ordenación desta actividade no municipio.

Durante a sesión tamén se procedeu á elección do candidato a Xuíz de Paz de Antas de Ulla, resultando elixido Carlos Val Pardo tras obter a maioría dos votos da corporación.

Outro dos acordos adoptados foi a modificación da nomenclatura da praza da biblioteca municipal para adaptala á normativa autonómica vixente. Deste xeito, a denominación pasará de “Encargado/a Biblioteca” a “Director/a Técnico/a Auxiliar da Biblioteca Pública Municipal”, mantendo inalteradas as restantes características da praza.

No ámbito urbanístico, o pleno aprobou a aceptación da cesión de parcelas vinculadas á tramitación do Plan Básico Municipal, un paso necesario para continuar avanzando no desenvolvemento e planificación territorial do concello.

Así mesmo, aprobouse un recoñecemento extraxudicial de créditos destinado a facer fronte ao pagamento de facturas pendentes correspondentes a servizos e traballos realizados para o Concello, moitas delas vinculadas a gastos acumulados desde o 1 de xaneiro de 2023.

O Goberno municipal puxo de manifesto a complexa situación económica herdada ao inicio do mandato, cun volume de pagamentos pendentes superior aos 722.000 euros. Desta cantidade, máis de 509.000 euros correspondían a sentenzas xudiciais por impagos, máis de 111.000 euros a facturas pendentes e arredor de 101.000 euros a débedas vinculadas ao canon da auga e a SOGAMA.

Ademais, o executivo local explicou que a subvención concedida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o “Proxecto de rehabilitación enerxética e acondicionamento da Casa da Cultura e o seu auditorio”, por importe de 816.885,02 euros, fora ingresada anticipadamente sen que existisen nin proxecto de execución nin expediente de contratación tramitado. Segundo indicou o Goberno local, os fondos foran destinados ao pagamento doutras facturas, o que obrigou ao Concello a adoptar medidas urxentes para garantir a execución da obra e evitar a devolución da axuda.

A través da contratación dun crédito e dunha reorganización económica, o Concello conseguiu executar a actuación en prazo, permitindo a apertura da renovada Casa da Cultura en tempo récord.

Segundo os datos expostos no pleno, na actualidade xa se abonaron máis de 400.000 euros, o que permitiu reducir en máis dun 60 % a débeda derivada de facturas e pagamentos pendentes.

O Goberno municipal destacou tamén que, pese ás limitacións do orzamento municipal e ao elevado peso dos gastos estruturais e servizos básicos, o Concello continúa captando financiamento doutras administracións para impulsar investimentos sen incrementar os impostos municipais nin reducir servizos á cidadanía.

O executivo local reafirmou finalmente o seu compromiso cunha xestión baseada na responsabilidade, a transparencia e a planificación de futuro, co obxectivo de continuar mellorando os servizos e infraestruturas de Antas de Ulla.

Comparte este artigo