A Audiencia ordena arquivar a causa na que se investigaba ao alcalde de Ourense por un presunto delito de prevaricación

Redacción

A Audiencia Provincial de Ourense ditou un auto no que decreta o sobreseimento libre da causa na que se investigaba ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, pola posible comisión dun delito continuado de prevaricación por non solicitar a compatibilidade entre a súa condición de rexedor con dedicación exclusiva e o desenvolvemento de actividades profesionais, en especial a dirección dunha televisión local.

Con esta resolución, o tribunal estima o recurso de apelación interposto polo alcalde e revoca o auto ditado o 14 de abril de 2026 pola praza 1 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense, no que se decretaba que continuase a tramitación das dilixencias previas polos trámites do procedemento abreviado, por se os feitos imputados ao alcalde fosen constitutivos do delito tipificado no artigo 404 do Código Penal.

A Sala subliña que “non toda omisión ou incumprimento dun deber por parte dun funcionario pode catalogarse de prevaricación administrativa omisiva”. Entende que resulta “cuestionable” esixir “a necesidade de declaración de compatibilidade no suposto de que o membro dunha Corporación que teña recoñecida a dedicación exclusiva desenvolva ocupacións marxinais remuneradas”, algo que, afirma, “sería propio da xurisdición contencioso-administrativa, vía á que non se acudiu”.

A Audiencia engade que o proceder do alcalde estivo amparado por informes técnicos e pola postura da propia Fiscalía, que xa arquivara unhas dilixencias previas polos mesmos feitos ao non apreciar infracción penal. Así mesmo, os maxistrados salientan que os técnicos municipais non realizaron ningún reparo de legalidade e conclúen que, de existiren irregularidades, estas deberían dirimirse en todo caso pola vía contencioso-administrativa.

Comparte este artigo