A comunidade colombiana de Ourense celebrará o 18 e 19 de xullo a Festa da Independencia, coa colaboración do Concello

Redacción

O alcalde Gonzalo Jácome e a concelleira de Festexos, Noa Rouco, recibiron a Dayana Rolong e Ingrid Juliet, da asociación Colombia Unida

Máis de 3.000 colombianos e colombianas residen na cidade

A comunidade colombiana de Ourense celebrará os días 18 e 19 de xullo a Festa da Independencia de Colombia, coa colaboración do Concello. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Festexos, Noa Rouco, recibiron esta mañá no salón de plenos a Rhina Dayana Rolong e Ingrid Juliet, integrantes da asociación Colombia Unida, que organiza esta celebración, que se desenvolverá nos xardíns do Bispo Cesáreo.

Será, avanzaron, unha fin de semana chea de alegría, tradición, música, gastronomía e orgullo polas súas raíces, que incluirá bailes tradicionais, música en vivo, actos culturais, xogos, comidas típicas e moitas sorpresas para toda a familia. Desde a organización convidan a todos os ourensáns e ourensás a que acudan a esta celebración, que será un punto de encontro para a ampla comunidade de colombianos e colombianas que viven en Ourense, que supera as 3.000 persoas.

Proximamente daranse a coñecer todos os detalles do programa. Porén, Ingrid Juliet avanzou que serán dous días “de actividade cultural, de familia, onde imos compartir a nosa música e a nosa gastronomía con todas as persoas que queiran achegarse. Prevemos comezar o sábado cedo e rematar cara á medianoite e o domingo desde a mañá ata as 22.00 horas”.

Entre as propostas, avanzou que “teremos música en vivo, bailes culturais do noso país e un micrófono aberto para que as persoas que o desexen suban ao escenario e compartan o que lles guste facer: cantar, bailar e amosar o seu talento”.

A celebración repite escenario en Bispo Cesáreo: “O ano pasado realizámolo alí e tivemos un fluxo de xente bastante grande entre latinos e españois”. Repetirán en 2026 coa mesma idea: “compartir a nosa cultura e dar a coñecer o que temos. Esperámosvos a todos”, convidan desde a organización.

Comparte este artigo