A Inspección de Traballo inicia actuacións de comprobación tras a denuncia de Avante Ourense polas condicións dos vestiarios de Urxencias do CHUO

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’Esperamos que a actuación da Inspección sirva para poñer fin dunha vez por todas ao que consideramos unha vulneración dos dereitos de traballadores e traballadoras públicas que sosteñen cada día un servizo tan crucial como son as Urxencias do hospital de Ourense. Non podemos esixirlles que coiden da cidadanía mentres a Administración non garante unhas condicións dignas para que poidan desenvolver o seu traballo.”

Avante Ourense espera que a actuación inspectora permita poñer fin a unha situación que considera irregular e incompatible cos dereitos laborais dos profesionais sanitarios.

A Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Ourense comunicou ao coordinador de Avante Ourense, Francisco Diéguez, o inicio de actuacións inspectoras de comprobación tras o escrito presentado pola plataforma en relación coas condicións dos vestiarios do persoal de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

A actuación chega despois de que Avante Ourense denunciase publicamente a situación destas instalacións, apoiándose tamén en imaxes que mostraban, entre outras deficiencias, a presenza de auga e inundacións nos vestiarios utilizados polos traballadores e traballadoras.

Desde Avante Ourense valoran positivamente que a denuncia presentada dera lugar á intervención da Inspección de Traballo e confían en que as comprobacións permitan esclarecer a situación e, no seu caso, adoptar as medidas necesarias para corrixila.

Avante Ourense lembra que a súa actuación non pretende sinalar aos profesionais, senón precisamente defender unhas condicións laborais dignas e unhas instalacións á altura do servizo esencial que prestan.

A plataforma permanecerá pendente do desenvolvemento das actuacións inspectoras e reclama á administración sanitaria que actúe con rapidez para solucionar definitivamente as deficiencias existentes.

Comparte este artigo