A actuación permitiu intervir varias substancias pendentes de identificación e retirar da circulación un condutor que ofreceu un resultado positivo indiciario na proba de detección de drogas
Axentes da Policía Local de Ourense detiveron durante a noite de onte xoves un motorista despois de que presuntamente desatendese as indicacións policiais e seguise circulando por distintas rúas da cidade.
A intervención comezou arredor das 22.15 horas, cando unha patrulla observou unha motocicleta con dous ocupantes cuxa condución chamou a súa atención. Ao requirir o seu condutor para que detivese a marcha, este tería desobedecido as indicacións e continuaría circulando, polo que os policías iniciaron o seu seguimento.
Unha vez interceptada a motocicleta, os axentes identificaron os seus ocupantes. Segundo consta nas dilixencias policiais, o condutor amosou resistencia a ser identificado, polo que foi necesario adoptar as medidas de seguridade axeitadas para evitar riscos para as persoas presentes.
Durante a actuación localizáronse diversos envoltorios que contiñan substancias de distinta aparencia, cuxa natureza deberá ser determinada mediante as correspondentes análises periciais.
O condutor foi sometido tamén a unha proba indiciaria de detección de drogas, que ofreceu un resultado positivo pendente de confirmación polo laboratorio competente. Así mesmo, tramitáronse as correspondentes denuncias administrativas polas condutas observadas, sen prexuízo do resultado definitivo das probas e das decisións que adopten as autoridades competentes.
O detido recibiu asistencia sanitaria e foi trasladado a dependencias da Policía Nacional, corpo ao que se lle entregaron a persoa detida, os efectos intervidos e as dilixencias practicadas para a continuación das actuacións.
O goberno municipal destaca a profesionalidade, capacidade de reacción e prudencia dos axentes da Policía Local, así como a coordinación mantida coa Policía Nacional. A intervención permitiu controlar unha situación potencialmente perigosa para a seguridade viaria e poñer os feitos a disposición das autoridades competentes.
Lembra tamén que as actuacións están en fase de investigación e que toda persoa conserva plenamente o seu dereito á presunción de inocencia mentres non exista unha resolución xudicial firme.

