A Policía Local informa de cambios no tráfico na N-120 polas obras do Ministerio de Transportes

Redacción

Restablécese a circulación en sentido Vigo á altura do supermercado, pero córtase o acceso desde a glorieta da antiga estación de autobuses.

A Policía Local do Concello de Ourense informa de que, con motivo da evolución dos traballos que se están a levar a cabo na estrada N-120, de titularidade do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, hoxe, martes, 15 de setembro, restablecerase o tráfico rodado na estrada N-120, en sentido Vigo, á altura do supermercado Eroski.

No entanto, simultaneamente procederase ao corte do tráfico rodado en dirección a Vigo desde a glorieta situada na confluencia das rúas Río Arnoia e Eulogio Gómez Franqueira, á altura da antiga estación de autobuses. Este tramo coincide co vial situado na parte posterior do restaurante Rías Baixas. Permanecerá aberto á circulación un carril baixo a rotonda, con saída e incorporación á N-120 cara a Vigo.

Os vehículos procedentes de Río Arnoia e Gómez Franqueira que pretendan continuar en dirección Vigo deberán acceder á glorieta e circular inicialmente en sentido Madrid pola N-120 e continuar ata a rotonda da Tolerancia, onde poderán efectuar o cambio de sentido para continuar a súa marcha en dirección Vigo.

A Policía Local roga aos condutores que extremen a precaución, respecten a sinalización provisional instalada e atendan en todo momento ás indicacións dos axentes encargados da regulación do tráfico.

Autobuses urbanos

O corte de tráfico afectará ás rutas de 3 liñas do servizo de autobuses urbanos: Liña 3: O Cumial- Santa Cruz, Liña 4: Seixalbo – Eirasvedras e Líña 12: O Fonsillón – Fechos.

Seguirán un percorrido alternativo en sentido de saída da cidade: Antiga rotonda da estación de autobuses – N 120 (sentido Madrid) – Glorieta da Tolerancia (Ponte do Ribeiriño, cambio de sentido) – N 120 dirección Quintela, Santa Cruz e Fechos.

Comparte este artigo