Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense e desta sección da FEMP, defendeu o termalismo como un motor de desenvolvemento económico, calidade de vida e fixación de poboación no medio rural
A rede, integrada por máis de 70 entidades locais, avanza no seu Plan de Turismo Termal e en ferramentas de intelixencia turística xunto á Secretaría de Estado de Turismo
O presidente da Deputación de Ourense e presidente da Rede de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Luis Menor, presentou hoxe, no marco de Termatalia 2026, a folla de roteiro desta sección para evolucionar do concepto tradicional de “visitar un balneario” ao de “vivir unha Vila Termal”. Durante a súa intervención no VII Congreso sobre Auga e Saúde, Menor destacou que a auga termal é un recurso estratéxico que une “saúde, sustentabilidade, economía local e cohesión territorial”.
Baixo a premisa “Vilas Termais: destinos para vivir mellor”, a rede busca conectar co “novo viaxante termal”, un perfil de calquera idade atraído polos hábitos de vida saudables e o benestar integral, un concepto actualmente coñecido como “wellness”.
O presidente da Rede de Vilas Termais repasou as actuacións desenvolvidas desde 2023 en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo, entre as que destacan a elaboración do Plan de Turismo Termal, a creación dun Catálogo Dixital que unifica a oferta de máis de 70 municipios e a posta en marcha dun Sistema de Intelixencia Turística para tomar decisións de xestión baseadas en datos. Así mesmo, subliñou o compromiso coa formación, a sustentabilidade e a accesibilidade cognitiva.
Menor destacou tamén o impacto municipalista e social do termalismo na fixación de poboación e a xeración de emprego continuo no medio rural, así como a súa vinculación co envellecemento activo e saudable.
Mesa redonda sobre o mapa da auga
Tras a intervención do presidente da sección, Luis Menor, o foro acolleu a mesa redonda “Vilas Termais FEMP: o mapa da auga que coida, conecta e dá futuro ao territorio”, moderada polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
No debate participaron o vicepresidente da Rede de Vilas Termais e alcalde de Cuntis, Manuel Campos; a alcaldesa de Archena, Patricia Fernández; e o alcalde de Mondariz-Balneario, César Gil. Os rexedores analizaron o papel da auga mineiro-medicinal na identidade local, as vantaxes do traballo en rede e os retos de innovación para consolidar o posicionamento do turismo termal en España.

