A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión ordinaria desta semana conceder 4 licenzas urbanísticas, correspondentes aos proxectos de construción dun edificio de vivendas nas rúas Santo Domingo e Avenida de Bos Aires, á reforma dunha unifamiliar na rúa da Granxa, á instalación dun ascensor nun edificio na Praza da Estación e á adaptación a uso residencial dun local no entrechán dun inmoble na rúa Valle Inclán. Tamén acordou aceptar a renuncia por parte dunha sociedade á licenza urbanística que lle fora concedida para a agregación-segregación dunha parcela na rúa Biudeiro.
Na mesma sesión, a xunta local aprobou as bases e a convocatoria pública para a creación dunha listaxe de proxectos para a súa posterior selección, se procede, e inclusión no Programa de actividades dos centros cívicos para persoas adultas do Concello de Ourense, para o período 2024-2025. Tamén acordou impoñer unha multa coercitiva derivada dun expediente de disciplina urbanística, liquidar 6 obrigas e recoñecer o dereito a unha devolución.

