O presidente provincial destacou o apoio “firme” da Deputación de Ourense a este proxecto que, dixo, “contribúe enormemente ao desenvolvemento cultural, turístico e medioambiental” de toda a provincia
Nesta edición, que reflexiona sobre o quecemento global, presentáronse máis dunha trintena de propostas, resultando seleccionados nove xardíns de España, Ecuador, Uruguai, México, Bolivia e Austria
O presidente provincial, Luis Menor, destacou o “carácter innovador” e a “referencia internacional en paisaxismo” na inauguración do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, unha iniciativa, dixo, que “contribúe enormemente ao desenvolvemento cultural, turístico e medioambiental de toda a provincia”.
Menor puxo en valor a “cooperación” entre as administracións e o apoio “firme” da Deputación de Ourense, un ano máis, a este proxecto que nesta edición escolleu o lema “Cambio climático, unha oportunidade para o xardín”.
Ademais, o presidente provincial destacou a “gran acollida” que colleita en cada edición este festival, xa que por el pasan cada ano preto de 40.000 visitantes, converténdose nun “gran escaparate de atracción turística” para Allariz e para o conxunto de Ourense.
“Allariz é sen dúbida un gran sinal de identidade da nosa provincia que nos fai sentir moi orgullosos a todos os ourensáns e este festival é boa mostra delo”, sinalou Menor, ao recalcar que esta décimo quinta edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz propón unha mirada renovada sobre o cambio climático, entendido non só como un desafío global, senón tamén como un estímulo para a transformación positiva dos espazos verdes.