A Sala Valente acolleu a presentación desta iniciativa, que impulsan a Concellería de Asuntos Sociais e Clece, concesionaria da axuda no fogar
A Sala Valente acolleu esta mañá a presentación de “Xogando entre lembranzas”, unha iniciativa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ourense. O proxecto sitúa as persoas maiores no centro da vida comunitaria como transmisoras de cultura, experiencia e valores a través da recuperación dos xogos tradicionais da súa infancia.
A iniciativa, impulsada pola empresa xestora do SAF, Clece, recolle as lembranzas de persoas usuarias do servizo, que compartiron os xogos cos que medraron nunha época na que a rúa era o principal espazo de encontro e a imaxinación o mellor xoguete. O resultado é unha revista ilustrada que recompila xogos tradicionais como o agocho, o pano, as bicas ou a billarda, e os achega ás novas xeracións como alternativa de ocio saudable e compartido.
A concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, e a delegada social de Clece, Laura Cantero, presentaron este traballo. No seu desenvolvemento participaron as 214 auxiliares do servizo, que acompañaron a recollida de testemuños e a elaboración da publicación preguntando ás 486 persoas usuarias actuais por aqueles divertimentos da súa infancia.
O Concello dará continuidade ao proxecto mediante actividades nos centros educativos para que a cativada reciba a visita dos participantes nesta iniciativa e compartir directamente os xogos tradicionais.
Historias que cobran vida
Detrás de cada un destes xogos hai historias persoais que reflicten a vida cotiá de varias xeracións de ourensáns. Celso Crespo, de 84 anos, lembra como unha simple tella se convertía en tiza para debuxar o castro ou a mariola na rúa, mentres que Luz Rocío Cadavid, de 93, evoca as tardes xogando ao “truco” coas súas amigas, onde o importante era compartir risas fóra e non a “Mariquita Pérez” que agardaba na casa.
Tamén María Milagros González, de 75 anos, rememora como todo un pobo se reunía para xogar ao pañuelo, e Manuel Blanco, de 91, que aínda hoxe presume da súa destreza coas bicas, un xogo no que chegou a destacar entre os seus compañeiros.
“Quixemos recoller non só xogos, senón lembranzas cargadas de emoción que demostran que o máis valioso non era o que se tiña, senón como se compartía”, sinalou Laura Cantero.
Loita contra a soidade non desexada
A iniciativa forma parte dunha estratexia orientada ao envellecemento activo e á loita contra a soidade non desexada, fomentando espazos de encontro entre xeracións.
“Lembrar é volver pasar polo corazón. Para moitas persoas maiores, evocar a súa infancia é unha forma de benestar emocional e de reafirmar quen son”, destacan desde o Servizo de Axuda no Fogar.
Nun contexto marcado polo uso de pantallas e o ocio individual, “Xogando entre lembranzas” aposta por volver ao esencial: o xogo compartido, a creatividade e as relacións humanas. Porque, como demostran os propios protagonistas do proxecto, xogar non é só cousa de nenos: é unha forma de aprender, convivir e construír lembranzas que permanecen toda a vida.

