Francisco Diéguez: ‘’Por sorte, a esquerda ourensá conta hoxe con Avante Ourense, un proxecto nacido para defender os intereses da cidadanía ourensá e galega, sen tutelas e poñendo Ourense por diante das siglas e dos intereses partidistas.”
A formación lembra que o Fiscal Xefe Provincial da Coruña comunicou a apertura de dilixencias de investigación tras unha denuncia relacionada coa gravación dunha reunión interna e o posterior uso do seu contido nun expediente disciplinario
Avante Ourense considera que a vontade de Irene Montero de aspirar a liderar a esquerda debe ir acompañada dunha esixencia de exemplaridade, transparencia e garantías democráticas dentro da súa propia organización.
O propio Fiscal Xefe Provincial da Coruña comunicou ao coordinador, Francisco Diéguez, que a denuncia presentada o pasado 20 de xullo se atopa en trámite e pendente da práctica de dilixencias, tras incoarse as Dilixencias de Investigación Preprocesal nº 147/2026.
A denuncia está relacionada coa presunta gravación sen previo aviso dunha reunión interna de Podemos Galicia e coa posterior utilización de contidos derivados daquela reunión nun expediente disciplinario. Avante Ourense lembra que a apertura destas dilixencias non determina a existencia dun delito nin a responsabilidade de persoa ningunha, cuestións que corresponde esclarecer á Fiscalía.
Para Avante, resulta especialmente preocupante que estes feitos se produzan nun período no que Podemos Galicia esnaquizou boa parte da súa implantación territorial.
Segundo os nosos datos, Podemos pasaría dunhas 40 candidaturas municipais en Galicia en 2023 a arredor de 10 de cara a 2027, desaparecendo electoralmente mesmo de provincias enteiras como Ourense.
Avante Ourense considera que Irene Montero ten todo o dereito a aspirar a liderar a esquerda, pero tamén a responsabilidade política de preguntar que aconteceu en Galicia, reclamar explicacións e actuar en consecuencia se corresponde.
Non se pode pretender reconstruír a esquerda española ignorando primeiro o que ocorreu dentro da propia organización. A exemplaridade que reclamamos para as institucións tamén debe aplicarse dentro dos partidos políticos.
Desde Avante sinalan, ademais, que o retroceso de Podemos non significa que Ourense quede sen unha alternativa progresista: ‘’Por sorte, a esquerda ourensá conta hoxe con Avante Ourense, un proxecto nacido para defender os intereses da cidadanía ourensá e galega, sen tutelas e poñendo Ourense por diante das siglas e dos intereses partidistas.’’ engadiu Diéguez ‘’Ourense non vai quedar orfa dunha esquerda que defenda esta cidade. Avante Ourense está aquí para facelo.’’ concluiu Francisco Diéguez

