Café Quijano incorpórase ao programa das Festas de Ourense 2026, cun concerto mañá venres, ás 22.30 horas

Redacción

Café Quijano incorpórase ao programa das Festas de Ourense 2026, cun concerto mañá venres, 19 de xuño, de 22.30 horas a 00.00 horas, no exterior do Pavillón Municipal dos Remedios, con entrada libre e gratuíta.

A actividade musical continuará a partir das 00.00 horas coa actuación da orquestra América, ata as 03.00 horas na Praza de Concepción Arenal.

Café Quijano é un dos grupos máis singulares e recoñecibles da música española contemporánea. Nado en León e formado polos irmáns Manuel, Óscar e Raúl Quijano, o trío xurdiu en 1997 cun estilo propio que mestura o pop latino máis sofisticado, o rock, a sensualidade do bolero e os sons hispanoamericanos.

Cun prestixio internacional avalado por máis de 25 anos de historia e colaboracións con grandes artistas da talla de Celine Dion, Carlos Santana ou Joaquín Sabina, a banda desenvolve actualmente o seu “Miami 1990” Tour 2026. Esta xira preséntase como un espectáculo elegante, intenso e próximo; un paseo musical polos recordos que sinalaron o punto de partida da viaxe máis incrible dos tres irmáns, conectando as cancións do seu novo álbum coa enerxía do rock latino e os grandes éxitos que marcaron a varias xeracións.

Comparte este artigo