Desde Podemos Ourense reclamamos ao Concello medidas urxentes para mellorar a mobilidade e o transporte público na cidade.
O noso portavoz, Francisco Diéguez, presentou por rexistro municipal un requerimento no que se solicita que as actuais zonas semipeonís sexan convertidas en peonís plenas, co corte efectivo do tráfico rodado e coa reposición dos pivotes que xa existían antes do mandato de Jácome. Só así poderemos garantir que estas áreas sexan espazos realmente pensados para as persoas e non para os vehículos.
Queremos que exemplos de rúas centrais como a rúa do Paseo ou a rúa Concordia sexan peonalizadas de maneira efectiva, eliminando a presenza de coches e devolvéndolle á cidadanía espazos emblemáticos que deben estar reservados ao paseo, á vida social e ao pequeno comercio.
Esta transformación permitiría tamén redeseñar o transporte público urbano, liberando o centro do tráfico e reorganizando as liñas de autobús para atender mellor aos barrios máis afastados como o 21, Velle ou Seixalbo, así como ás necesidades da comunidade universitaria das Lagoas.
A día de hoxe, o servizo de autobuses en Ourense é un claro exemplo de desorganización: hai veciños e veciñas que teñen que esperar máis de 45 minutos sen que pase ningún bus, e logo chegan tres ao mesmo tempo, evidenciando a nefasta xestión e a falta absoluta de coordinación por parte do alcalde.
Exemplo:
Do mesmo xeito, denunciamos o estado lamentable no que se atopan os chamados “autobusiños”, moitos deles avariados ou circulando en condicións precarias. Estes vehículos foron anunciados como unha das solucións estrela do goberno municipal, mais hoxe están lonxe de cumprir a súa función. É imprescindible a súa reparación inmediata e a posta a punto para que realmente sirvan como reforzo das liñas principais.
Segundo destacou o noso portavoz, Francisco Diéguez: “Non se pode falar dunha cidade moderna cando o transporte público é caótico e as zonas semipeonís seguen abertas ao tráfico. Hai que apostar pola peonalización real e por un servizo de autobuses digno, que dea resposta ás necesidades da veciñanza e dos barrios”.
En resumo: peonalización real, transporte público digno e barrios ben atendidos. Ourense non pode seguir padecendo improvisacións e promesas incumpridas. É hora dunha planificación seria que pense na cidadanía e non nos intereses do alcalde.



