Estudantes do colexio Santo Ángel preséntanlle ao alcalde un proxecto de refuxio climático xunto ao Pavillón dos Remedios

Redacción

O alumnado obtivo o segundo posto no certame autonómico “Mocidade polo Clima”

Propoñen pérgolas vexetais, un bosque cun lago, cubertas con paneis solares e estruturas de madeira que garantan sombra continua

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, recibiron esta mañá, no salón de plenos do Concello, un grupo de estudantes do colexio Santo Ángel de Ourense. Os mozos presentáronlles o proxecto dun refuxio climático no Pavillón dos Remedios, que elaboraron para concorrer no concurso da Xunta de Galicia Mocidade polo Clima, unha iniciativa coa que os mozos ourensáns quedaron segundos no dito concurso.

A proposta galardoada ten como obxectivo transformar os espazos que hoxe xeran calor en lugares capaces de protexer a vida e confortar á cidadanía fronte ao cambio climático. Tras avaliar o Parque Barbaña, San Lázaro e as instalacións dos Remedios, os estudantes idearon unha solución integral para este último complexo deportivo. A súa iniciativa artéllase arredor de cinco áreas de intervención bioclimática, onde proxectan a instalación de pérgolas vexetais, un pequeno bosque urbano cun lago, parques de auga infantís, cubertas con paneis solares flexibles e estruturas de madeira que garantan a sombra continua para a mocidade, deportistas, familias e persoas maiores que fan uso da contorna das instalacións.

Ademais das infraestruturas verdes, a idea dos mozos integra a tecnoloxía como ferramenta de información e concienciación. Así, deseñan un Sistema de Alerta Temperá Climática, conectado a unha aplicación móbil gratuíta e a pantallas dixitais instaladas no Pavillón dos Remedios, que informaría en tempo real á veciñanza sobre parámetros como a temperatura, a humidade ou a calidade do aire. Cunha estratexia de execución por fases, o proxecto dos mozos ten un orzamento estimado de 2,7 millóns de euros.

Comparte este artigo