Jacaranda Caride dá un paso adiante no PP de Amoeiro como candidata á alcaldía nas elección locais de 2027

Redacción

· Recoñece a gran responsabilidade que asume e defende que a política local baséase en coñecer os problemas do día a día da xente, “escoitando todas as opinións, traballando en equipo e buscando solucións”, obxectivos que tamén trasladou á cita coas urnas do 29 de novembro

· O presidente provincial, Luis Menor, destacou da candidata a súa proximidade e capacidade de escoita, ademais do seu compromiso co PP de Amoeiro desde todos os postos nos que fixo falta: “Agora toca que os veciños coñezan todo o que pode achegar ao seu concello”

A presidenta da xestora local do PP de Amoeiro desde o pasado mes de xullo, Jacaranda Caride Fernández (Ponferrada, 1977), será a candidata popular á alcaldía nas eleccións municipais de maio de 2027. Un paso á primeira liña política que afronta con “ilusión, ganas de traballar, moita humildade e o compromiso de dar o mellor de min”, afirma.

Jacaranda Caride colabora co PP local desde hai máis de vinte anos, participando nas listas municipais ou nas mesas electorais como interventora. Agora, asegura, “chega un novo reto e dou un paso adiante”. A política local formou parte da súa vida desde sempre por vínculos familiares, escoitando como se falaba de mellorar a calidade de vida da veciñanza. “Vivo en Amoeiro, coñezo o seu día a día e creo que temos moito potencial”, explica.

A candidata recoñece a gran responsabilidade que asume, pero faino coa intención de aprender, poñer ao servizo da cidadanía a súa capacidade de aprendizaxe e a “escoitar todas as opinións, traballar en equipo e buscar solucións”, obxectivos que tamén trasladou á cita coas urnas do 29 de novembro, “para axudar desde xa á vitoria popular”.

Caride subliña que buscará formar “un equipo unido, comprometido e con ganas de traballar por Amoeiro”, que represente as distintas parroquias e comparta un obxectivo común, aínda que pon énfase na escoita da veciñanza para elaborar “un programa realista, con propostas concretas e prioridades claras”. Así, sostén, recuperarase a confianza na política municipal, “demostrando que se pode traballar con proximidade, transparencia e responsabilidade”.

No que se refire ás súas prioridades, a candidata fala da mellora de estradas, camiños e accesos ás parroquias. Engade o abastecemento de auga, unha maior atención ás instalacións deportivas e ás zonas de lecer, as necesidades das persoas maiores, familias e da actividade económica local. “Amoeiro necesita unha planificación que combine proxectos de futuro con solucións aos problemas cotiáns que afectan os veciños”, resume.

LUIS MENOR DESTACA QUE O PP DE OURENSE APOSTA UNHA VEZ MÁIS POLO LIDERADO FEMININO

O presidente provincial do PP, Luis Menor, destacou da candidata a súa proximidade, capacidade de escoita e as moitas ganas de traballar. Despois de vinte anos demostrando o seu compromiso co PP de Amoeiro, “agora toca que os veciños coñezan todo o que pode achegar ao seu concello”.

O líder dos populares ourensáns puxo en valor a incorporación de Jacaranda Caride ás portas das eleccións xerais, “pois con esa ilusión que traslada estou seguro que nos axudará a obter un dos mellores resultados”.

Nesta liña, Menor subliñou a capacidade de traballo do PP de Ourense, que segue planificando a cita de maio de 2027 malia o proceso electoral en marcha. E faino cunha aposta que se repite: unha muller para liderar a alcaldía dun concello da provincia. Das 29 alcaldesas que ten o PP en Galicia, lembrou, “13 son rexedoras en concellos ourensáns, e con Jacaranda Caride son xa seis as novas candidatas confirmadas para 2027”.

Comparte este artigo