Proximamente abrirá o prazo de inscrición para clubs, grupos e colexios, con dúas categorías: Sub-14 e Absoluta
O Concello organizará o I Campionato de Ourense de Brilé, que se desenvolverá en febreiro ou marzo no Pavillón Municipal dos Remedios. Estes días ultima a elaboración das bases reguladoras do torneo, que contará con dúas categorías de competición: Sub-14 e Absoluta (todas as demais idades).
Poderán participar equipos procedentes de colexios, clubs deportivos ou grupos de amigos reunidos para esta ocasión. O xogo desenvolverase mediante un sistema de eliminatorias directas, que se sucederán ao longo de todo o día, ata rematar nunha gran final.
A cita abrirá proximamente o seu prazo de inscrición, tras constatar o gran interese amosado por persoas de todas as idades por anotarse desde que se avanzou a iniciativa.
O brilé (coñecido tamén como dodgeball ou balón prisioneiro) é un deporte de equipo de alta intensidade, ritmo rápido e moi dinámico. A competición desenvólvese nunha cancha delimitada onde cada equipo ten como obxectivo eliminar a todos os xogadores do rival golpeándoos con balóns regulamentarios en xogo, ou capturando ao voo os lanzamentos do adversario antes de que toquen o chan.

