José Antonio Blanco toma o relevo na presidencia do PP de Esgos coa encarga de traballar “baixo unha palabra clave para calquera vitoria electoral: a unidade”

Redacción

·      O presidente provincial, Luis Menor, afirmou con orgullo que “este é o noso partido”, sinalando a capacidade da formación popular para dar o relevo en calquera agrupación con “persoas comprometidas” como Blanco Pérez, “a verdadeira forza do PP”, porque son quen de facer que militantes e veciñanza “síntanse escoitados e representados polos seus cargos públicos”

·      José Antonio Blanco asegurou que ten moi claro que a política local “debe estar ao servizo das persoas”, detallando que o seu proxecto político pasa por ampliar as bases, sumar máis militantes e “presumir dun partido que loita pola veciñanza, que escoita, recolle as inquedanzas e as transforma en realidades”

José Antonio Blanco Pérez é o novo presidente do PP de Esgos, logo do congreso celebrado pola agrupación popular deste municipio e que supuxo o relevo de Mario Rodríguez, tras 17 anos á fronte da formación local. Un paso que se repite cos mesmos protagonistas pero con diferente escenario, xa que José Antonio Blanco tamén relevou a Mario Rodríguez á fronte da alcaldía hai agora un ano.

Nun congreso no que se deron cita alcaldes da comarca e no que tamén estiveron a vicepresidenta do PP ourensán, Marta Novoa, e a secretaria xeral, Sandra Quintas, o presidente provincial, Luis Menor, felicitou a José Antonio Blanco por asumir a responsabilidade de liderar o PP de Esgos.

“Este é o noso partido”, afirmou con orgullo Luis Menor, sinalando a capacidade da formación popular para dar o relevo en calquera agrupación con “persoas comprometidas”. Alcaldes como Blanco Pérez “son a verdadeira forza do PP”, porque son quen de facer que os militantes, pero tamén o conxunto da veciñanza, “síntanse escoitados e representados polos seus cargos públicos”. Neste sentido, o presidente provincial avogou por manter estes principios “baixo unha palabra clave para calquera vitoria electoral: a unidade”

Cómpre ter claro, dixo Menor, que en maio de 2027 haberá unhas eleccións determinantes para as que o PP de Ourense márcase como obxectivos indiscutibles superar as 54 alcaldías actuais, recuperar a maioría absoluta na Deputación e ser decisivos no goberno da capital. Unha chamada ás urnas á que seguirá no 2028 as eleccións autonómicas, nas que o PP loitará pola segunda maioría absoluta de Alfonso Rueda, e “antes ou despois” facer a Alberto Núñez Feijóo presidente de España.

José Antonio Blanco agradeceu a participación e presenza de militantes e simpatizantes do PP local, como “mostra de compromiso, apoio e confianza  nun proxecto que ten como obxectivo conseguir o mellor para o concello de Esgos”.

Honrado pola súa elección para presidir a agrupación popular, afirmou sentir unha mestura de “ilusión e responsabilidade” nesta nova etapa, pero tamén “moito respecto” polo traballo realizado ata o momento, cun especial recoñecemento ao seu antecesor, Mario Rodríguez, con quen anunciou que seguirá contando na directiva local.

Blanco asegurou que ten moi claro que a política local “debe estar ao servizo das persoas”, detallando que o seu proxecto político pasa por ampliar as bases, sumar máis militantes e que todos “podamos presumir dun partido que loita pola veciñanza, que escoita, recolle as inquedanzas e as transforma en realidades”.

Pola súa banda, Mario Rodríguez, quen presidía a agrupación local desde 2009, quixo deixar constancia do seu agradecemento por “todos estes anos de apoio e colaboración”, facendo unha chamada para seguir mantendo a unidade da formación popular neste municipio, “clave para os 48 anos de goberno que levamos en Esgos”.

Comparte este artigo