Luis Menor reivindica a innovación social, a xestión eficiente da auga e o termalismo terapéutico como eixos estratéxicos do futuro da provincia de Ourense

Redacción
  • O presidente do PP de Ourense, Luis Menor, participou neste encontro, xunto a unha delegación ourensá, para compartir experiencias e coñecementos que inspiren a outros territorios
  • Menor expuxo a xestión política de Ourense: “facer provincia todos os días desde a innovación e non desde o conformismo, porque iso está no ADN do Partido Popular”
  • Na súa intervención, Luis Menor reivindicou o impulso do termalismo como recurso sanitario para a súa progresiva integración no Sistema Nacional de Saúde e destacou o investimento de 13,5 millóns de euros na dixitalización do ciclo da auga e dun incremento do 70% no orzamento de políticas sociais da Deputación

O presidente do PP de Ourense, Luis Menor, participou hoxe no Foro de Deputacións do Partido Popular que se celebrou en Castellón, xunto a unha delegación de representantes institucións de Ourense, onde reivindicou a innovación social, a xestión eficiente da auga e o termalismo terapéutico como eixos estratéxicos do futuro da provincia de Ourense.

Menor expuxo a xestión política de Ourense: “facer provincia todos os días desde a innovación e non desde o conformismo, porque iso está no ADN do Partido Popular”.

O MOTOR DO TERMALISMO: DA ECONOMÍA Á SAÚDE

Durante o foro, Menor destacou o peso de Ourense como a segunda potencia termal de Europa, só por detrás de Budapest e o aproveitamento por parte do goberno provincial deste recurso que é “unha gran oportunidade para os nosos territorios” a través da posta en marcha de programas como o termalismo social que reportan máis de 7 millóns de euros aos balnearios da provincia.

Pero, actualmente, a estratexia vai máis aló do impacto económico para impulsar o termalismo terapéutico como recurso sanitario e lograr a súa progresiva integración no Sistema Nacional de Saúde.

INNOVACIÓN E SUSTENTABILIDADE NA XESTIÓN DA AUGA

Luis Menor reivindicou a necesidade de modernizar e dixitalizar a xestión dos recursos hídricos. Neste apartado, a través do programa europeo PERTE da auga, estase a executar un investimento de 13,5 millóns de euros que xa permitiu a instalación de máis de 63.000 contadores intelixentes en 74 municipios da provincia. O vindeiro paso definitivo nesta materia será a construción dun Centro Intelixente para a Xestión da Auga, co obxectivo de garantir un modelo moito máis eficiente e sustentable.

UN NOVO MODELO DE BENESTAR SOCIAL

Por outro lado, o presidente do PPdeOU destacou a importancia de realizar unha aposta pola innovación tamén nas políticas sociais, para evolucionar dun modelo centrado unicamente no financiamento do terceiro sector cara a unha estratexia integral de benestar. Este novo enfoque mestura a cooperación institucional, a innovación tecnolóxica e a axuda ao envellecemento activo para dar unha resposta máis áxil e eficaz ás persoas máis vulnerables da provincia. Desde a Deputación de Ourense incrementouse o orzamento social nun 70% respecto a anos anteriores, achegando 600.000 euros.

Comparte este artigo