Jácome subliña que todas estas acusacións “sen base” foron rexeitadas polos tribunais ao non demostrarse ningún delito nin irregularidade
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, denunciou esta mañá un lawfare (guerra xurídica) contra a súa xestión dende que asumiu a Alcaldía en 2019. O balance xudicial do mandato suma a día de hoxe un total de 17 denuncias penais contra o rexedor que foron arquivadas polos tribunais e unicamente 3 causas pendentes de resolución, logo de recibir 20 demandas en total. O alcalde fai estas manifestacións logo de que a Audiencia Provincial ordenase o pasado venres o arquivo da causa na que se lle investigaba por un presunto delito de prevaricación.
Respecto ás 3 causas que aínda seguen abertas nos xulgados, Pérez Jácome afirmou que se trata de “denuncias sen percorrido, onde o alcalde non ten responsabilidade”.
O rexedor aprecia que o lawfare consiste na presentación de constantes “denuncias sen base” xa que, asegura, “en ningunha delas se demostrou ningún delito nin irregularidade. Fanse só para saír nos medios de comunicación, xa que os que as presentan saben que as denuncias enchen as páxinas dos xornais pero os arquivos non. Son denuncias mediáticas”, asegurou. Neste sentido, o alcalde engadiu que hai xente que utiliza de forma sistemática a vía xudicial para “promocionarse publicamente ou politicamente” a costa da Alcaldía.

