O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome e o tenente de alcalde, Aníbal Pereira reuníronse esta mañá cos portavoces dos grupos políticos municipais para abordar dúas cuestións de actualidade: a supresión da ORA e a posible de chegada de novos inversores a Club Ourense Baloncesto.
O rexedor comunicou a PP, PSdeG-PSOE e BNG que o goberno municipal de DO valora proceder á supresión da ORA e emprazounos a que manifesten se estarían dispostos a aprobar esta medida a través dun acordo do Pleno.
Neste senso, informou que desde os servizos xurídicos municipais existen dúas posturas discrepantes en relación ao procedemento que se debería seguir para suprimir a ORA, xa que formulan dúas posibilidades diferentes. Unha sería a cancelación do sistema por acordo do goberno municipal e a outra, a súa supresión a través dun acordo plenario que anule a ordenanza reguladora actualmente vixente.
Neste escenario, o alcalde solicitou os grupos que manifesten se estarían dispostos a apoiar o acordo plenario. De ser o caso, o Concello optaría por esta vía. Os grupos expresarán a súa opinión a semana próxima.
Por outra banda, o alcalde e o concelleiro de Deportes informaron os voceiros de que o Concello ten constancia dun posible interese por parte de inversores privados por formar parte do accionariado do Club Ourense Baloncesto, equipo da Liga LEB Oro, do que o Concello é titular do 16% das accións, ao igual que a Deputación de Ourense.
A entrada de inversores podería producirse por dúas vías. Unha delas sería que o Concello lles venda as accións das que é titular, e a outra sería realizar unha ampliación de capital, coa que os inversores privados entrarían no accionariado, no que se mantería o Concello. O alcalde emprazou tamén os grupos a que manifesten a súa opinión acerca destas dúas opcións.
Porén, o goberno local garante que, no caso de que non chegasen novos accionistas, manterá o seu apoio ao club na mesma medida que nos últimos anos. Tamén á súa directiva, á que daría un voto de confianza en recoñecemento aos resultados acadados nas dúas últimas tempadas. En todo caso, de non chegar novos accionistas, o goberno local cre preciso facer un chamamento ao tecido empresarial de Ourense, pois entende que “ten que dar un paso adiante se realmente queremos ter baloncesto de calidade na cidade”.

