Jácome lembra que o Concello dispón de 75 millóns de euros de saldo nos bancos, listos para afrontar os pagamentos, pero certas situacións alleas á Alcaldía impiden realizar certos pagos.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, convocou unha xunta de portavoces esta mañá para informar aos grupos políticos municipais da situación de impagos que se está a producir na área económica do Concello. Unha “paralización” nos pagamentos que se produce a pesar de que o Concello conta con 75 millóns de euros de saldo dispoñible, fondos suficientes para facer fronte a todas as obrigas pendentes.
Segundo explicou o rexedor, unha das causas, a máis frecuente de feito, débese a que o departamento de Intervención “non fiscaliza algunhas facturas e iso impide automáticamente continuar a súa tramitación” para proceder ao seu pagamento.
Detalla o alcalde que esta situación “está a afectar a facturas tramitadas de forma ordinaria, avaladas polos respectivos departamentos, contratadas de forma totalmente regular por servizos prestados ao Concello e que deben ser pagadas”.
Con todo, moitos pagamentos non se poden realizar, non por falta de crédito —xa que o Concello ten os fondos dispoñibles no banco—, senón porque en moitas facturas existe unha omisión de fiscalización, sexa negativa ou positiva, o que impide que as facturas avancen no trámite e sexan finalmente aboadas.
Ante este escenario, o Concello está dando parte da situación á Xunta de Galicia, que é quen ten que avaliar as actuacións do departamento de Intervención.
Por outra parte, indicou que a todos os provedores se lles está a informar dos seus dereitos para cobrar as facturas pendentes. Entre estes, atópase o de acudir ao xulgado a solicitar medidas cautelarísimas de acordo co artigo 199 da Lei de Contratos do Sector Público.
O alcalde deixou claro que o seu deber é “velar por que os provedores cobren” e que, “se unha das causas é que un departamento non fiscaliza as facturas, o goberno municipal ten que buscar formas legais para que os provedores cobren”.
Finalmente, o rexedor avanzou que valora estudar as vías legais para protexer os intereses municipais ante as consecuencias económicas desta situación, tales como o pagamento de intereses de demora ou custas xudiciais.
O alcalde entende que non só ten o dereito de informar de todo isto, senón que é a súa obrigación.

