O alcalde pon en valor o “éxito total de público” das Festas de Ourense 2026, cun formato que “se consolida e vai a máis”

Redacción

Pérez Jácome destaca a masiva participación nas diferentes actividades programadas

Os concertos de M-Clan e Café Quijano sumaron picos de 6.000 espectadores e Hard GZ alcanzou os 7.000, cun 30% máis en rotación

O rexedor cualifica o espectáculo pirotécnico como “o mellor da historia” e agradece a implicación dos veciños como “verdadeiros protagonistas”

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, valorou esta mañá de forma completamente positiva as Festas de Ourense 2026, que remataron onte. “Foron un éxito total de público, nun formato que se consolida e que cada ano vai a máis”, sinalou. O alcalde puxo en valor o feito de que “todos os eventos tiveron éxito de público, e o público é o que manda. Son eles os que din se as festas son boas ou non”.

O rexedor repasou as diferentes actividades desenvolvidas desde o mércores 17 ata o domingo 21 de xuño. Destacou o espectáculo de drons, que deixou “totalmente abarrotada a Ponte Romana e as súas proximidades”, o pregón de Rober Bodegas, as festas da mocidade coas sesións de DJ, as orquestras, o tributo a Sabina, os espectáculos infantís, a xincana, as barracas ”que despregaron unha grande oferta”, as actividades deportivas como o breaking, o torneo de futbolín, o volei praia ou os fogos artificiais, que foron o colofón. Tamén destacou especialmente o Mercado Medieval, emprazado outra vez na Ponte Romana: “os profesionais non queren marchar de aí, xa que foi cando máis xente tiveron, desde o primeiro día”.

Mención especial merecen os concertos dos principais grupos programados nesta edición das festas, que rexistraron picos de asistencia de 6.000 persoas en M-Clan e Café Quijano, e de 7.000 con Hard GZ. “Estas cifras son os picos, porén a cantidade de xente que pasou polos concertos foi moito maior, aproximadamente un 30% máis de público rotando. Realmente hai tempo que non se movía tanta xente en Ourense nuns concertos: tres seguidos e os tres de éxito total. E solucionamos moi ben o de Miguel Ríos, contratando a Café Quijano”, engadiu Jácome.

A programación rematou cos “mellores fogos artificiais da historia”, que ofreceron 22 minutos de espectáculo que se puideron contemplar desde calquera punto da cidade, como o Seminario, a Cruz Alta, Montealegre, Covadonga ou as terrazas de Ponte Vella.

O alcalde agradeceu ao público a súa masiva participación “porque eles foron os protagonistas. Todas as festas ocasionan, obviamente, molestias e inconvenientes porque rompen a rutina, pero neste caso é por unha boa causa: o lecer, que a xente goce e que a cidade viva as súas festas”, concluíu.

Comparte este artigo