O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recorrerá diante do Tribunal Supremo a sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación á agresión sufrida en setembro de 2023 por parte do editor de La Región, Óscar Outeiriño.
A resolución do tribunal galego, explica o rexedor, “ratifica a sentenza ditada pola Audiencia Provincial, que condena a Óscar Outeiriño cunha indemnización de 3.000 euros ao alcalde en concepto de responsabilidade civil, por un delito de lesións, pero absólveo dun delito de atentado á autoridade”.
O alcalde recorrerá a resolución diante do Tribunal Supremo porque entende que “non pode quedar impune unha agresión á autoridade” xa que, de ser así, “estaríase abrindo a veda para que se poida agredir a calquera autoridade, sempre que o agresor a coñecera previamente, argumentando que existía unha inimizade manifesta previa”.
Pregúntase ao respecto Pérez Jácome “que pasaría se en vez de ser o agresor o dono dun xornal e o agredido o alcalde de Ourense, fose o agresor outra persoa e o agredido o presidente da Xunta? Quedaría impune se houbese unha inimizade manifesta previa? Se un antigo compañeiro de colexio de Rueda o agride dicindo que foi porque se levaban mal no instituto, quedaría impune? Dubídoo”, conclúe o rexedor.
Lembra Gonzalo Jácome que cando el mesmo foi agredido, sendo concelleiro da Corporación municipal, o agresor rematou na cadea.