O Concello abre este sábado a tempada dos xogos acuáticos da Alameda do Cruceiro e das fontes transitables dos barrios

Redacción

As instalacións funcionarán todos os días de 10.00 a 20.30 h

O Concello de Ourense abrirá ao público mañá, sábado, 13 de xuño, ás 10.00 horas, a instalación de xogos acuáticos (Splashpad) da Alameda do Cruceiro, un dos principais espazos de lecer infantil e familiar da cidade durante os calorosos meses de verán. O recinto estará operativo todos os días, ata o 6 de setembro, en horario ininterrompido de 10.00 a 20.30 h, ofrecendo ás familias un espazo gratuíto, seguro e accesible para o gozo da auga e do tempo libre ao aire libre.

Tamén mañá poranse en marcha as tres fontes transitables, onde poderán refrescarse e divertirse nenos e nenas, nos barrios de San Francisco (fonte do Parque das Zapatillas), O Couto (parque a carón do Ingabad) e Barrocás-A6 (fonte lúdica de Ánxelita Paradela).

Splashpad, integrado na reforma da Alameda do Cruceiro como un espazo inclusivo e sen barreiras arquitectónicas, permite a interacción coa auga mediante chorros e arcos lúdicos. Ademais, o equipamento conta cun sistema sostible de auga en circuíto pechado para reducir o consumo hídrico e mellorar a eficiencia ambiental.

Con esta apertura, o Concello reforza a oferta de lecer estival e promove o uso dos espazos públicos como lugares de encontro e benestar. O Concello lembra a importancia de facer un uso responsable das instalacións para garantir a seguridade de todas as persoas usuarias durante a tempada.

Comparte este artigo