Contempla manter o dobre sentido de circulación, na medida en que as marxes de seguridade o permitan, aínda que podería haber cortes ou restricións de maneira puntual
O Concello de Ourense, a través da área de Seguridade Cidadá e Tráfico, desenvolverá pasado mañá, xoves, 9 de xullo, desde as 6.00 horas, un dispositivo especial de tráfico na rúa Emilia Pardo Bazán. O operativo está motivado polo inicio dos traballos de pavimentación e acondicionamento integral da calzada, que executará a Xunta de Galicia. A intervención abrangue a totalidade da rúa, desde a confluencia coa avenida de Buenos Aires ata a intersección coa estrada da Granxa.
A diferencia de intervencións de corte integral, a planificación técnica desta obra contempla manter o dobre sentido de circulación na medida en que as marxes de seguridade o permitan Non obstante, debido ás necesidades operativas da maquinaria pesada e ao extendido do aglomerado, se poderían producir cortes totais e restricións estrictas de maneira puntual ao longo das xornadas de traballo.
Efectivos da Policía Local supervisarán o correcto desenvolvemento do tráfico na zona, encargándose de que a sinalización circunstancial sexa a correcta e de garantir a fluidez nos momentos de maior densidade circulatoria. Do mesmo xeito, manterase expedito o acceso prioritario para os vehículos de emerxencias e servizos públicos esenciais.
O Concello apela á comprensión dos residentes e condutores, a quen se lles solicita que extremen as precaucións, adecuen a velocidade ás condicións provisionais da vía e, na medida do posible, utilicen rutas alternativas para evitar retencións puntuais.

