O alcalde Gonzalo Jácome explica que será o maior parque que se vai construír na cidade e dotará dunha calidade de vida “tremenda” á veciñanza do barrio da Ponte e de todo Ourense
O proxecto está financiado parcialmente polo Ministerio de Transportes e Sostibilidade, con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Recuperación Next Generation EU
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o expediente de contratación das luces de Nadal 2024/2025
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense adxudicou esta mañá o contrato para redactar o proxecto e executar as obras de construción do parque Canedo, que dotará a cidade dun grande espazo de lecer, con piscina, zonas verdes e un aparcamento soterrado con 350 prazas. Será “o maior parque que se vai construír en Ourense”, explicaba esta mañá o alcalde Gonzalo Pérez Jácome, quen subliñou que os novos equipamentos que se executarán “van dotar dunha calidade de vida tremenda a toda a veciñanza do barrio da Ponte, e por extensión de toda a cidade, que se beneficiarán dos novos servizos, ademais de revalorizar as vivendas da zona”.
O proxecto do parque Canedo prevé o acondicionamento de espazos libres, cun gran parque, un aparcamento público soterrado con 350 prazas de estacionamento e unha piscina, entre outros equipamentos, no solo urbano 32, zona 2 do Plan de Urbanismo de 1986. Trátase do interior do rueiro formado polas rúas San Rosendo, San Froilán, Avenida das Caldas, Avenida de Basilio Álvarez, Victoria Kent e Xesús Pousa Rodríguez, no barrio da Ponte. A intervención prevé urbanizar o espazo público, creando unha ampla zona verde para desfrute da poboación, con servizos públicos que permitan satisfacer as necesidades lúdicas da veciñanza, e un grande aparcamento subterráneo que dea servizo ao novo espazo e ao barrio no que se atopa.
O goberno municipal prevé que o proxecto técnico estea rematado no mes de novembro ou decembro deste ano, e que a obra poida estar finalizada en decembro de 2026. Destaca o alcalde o aparcamento con 350 prazas “fundamental para o barrio da Ponte, nas proximidades da estación de tren e da praza de abastos da Ponte que abrirá en breve”, ou a piscina de verán, “que será tan grande como a de Oira”.
O proxecto está financiado parcialmente con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Recuperación Next Generation EU, ao abeiro do programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano (aprobado pola Orde TMA/892/2021, do 17 de agosto), código de actuación P09_L2_20220929-1 (Expte. nº 2022040924). A subvención está destinada á construción do aparcamento disuasorio e ascende a 549.727,64 euros.
O contrato, que inclúe a redacción do proxecto, a execución das obras e a dirección facultativa para a construción e urbanización do denominado Parque Canedo adxudícase á empresa Petrolam Infraestructuras SL, que presentou a oferta coa mellor relación calidade-prezo, por un importe total de 7.817.881,54 €, IVE engadido.
Luces de Nadal
Na mesma sesión, logo do acordo de resolución de discrepancias aprobado no pleno do pasado venres, a Xunta de Goberno local aprobou o expediente de contratación da subministración e instalación de elementos decorativos da iluminación do Nadal da cidade 2024-2025, por importe de 579.000 euros. Esta achega, informou Pérez Jácome, permitirá dar continuidade ao modelo de luces de Nadal de anos anteriores, coa finalidade de chegar ao maior número posible de espazos da cidade. O acordo dispón a apertura do procedemento de adxudicación do contrato, por procedemento aberto.

