O alcalde, Gonzalo Jácome, e a concelleira Ana Fernández, recibiron no Concello o presidente de APSOU, Martín Luis Becerra
A entidade, que celebra este ano o seu 50 aniversario, realizará o acto de acendido das luces de Nadal 2024 na cidade
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Asuntos Sociais, Ana Fernández Nieto, recibiron esta mañá no Concello o presidente da Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU), Martín Luis Becerra. Alcalde e concelleira trasladáronlle o apoio do Concello á actividade que esta asociación desenvolve na cidade e adiantaron que o Concello lles concederá unha subvención nominativa, por importe de 15.000 euros para o actual ano 2024, coa finalidade de colaborar co traballo que realizan en Ourense. Tamén lle confirmaron que o Concello colaborará loxisticamente coa programación de actividades que a asociación ourensá desenvolverá durante o ano 2024 co gallo da celebración do seu 50 aniversario. Neste marco, atendendo á solicitude realizada por APSOU, será esta asociación a que realice o acendido das luces do Nadal de Ourense do ano 2024, nun acto que se levará a cabo o día 5 de decembro, véspera da ponte da Constitución.
O presidente de APSOU expresou o seu agradecemento ao Concello “pola súa colaboración e por apoiarnos en todo o que necesitamos”.

