O alcalde asinou un bando que concreta as zonas integradas no convenio público de limpeza coa Xunta de Galicia e Seaga
Esta publicación dá continuidade ao bando do 22 de abril, que xa informaba de que o prazo para a limpeza voluntaria remataba o 31 de maio
O Concello de Ourense contará este ano con sete parroquias priorizadas para a xestión da biomasa vexetal, co obxectivo de previr os incendios forestais. Nestes espazos, a Administración autonómica poderá realizar a prestación do servizo de xestión da biomasa en terreos de titularidade privada incluídos nas faixas secundarias. Un bando asinado polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, especifica que para esta campaña manterase as mesmas parroquias priorizadas de 2025 (Ourense, Arrabaldo, Cudeiro, Palmés, Velle e Vilar de Astrés) e incorpórase, como novidade, unha máis: a parroquia de Seixalbo.
Os veciños destas parroquias teñen a oportunidade de acceder de xeito voluntario ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia (Consellaría do Medio Rural), o Concello e Seaga. Este servizo permite formalizar contratos cunha tarifa fixa regulada de 420 euros por hectárea ao ano, o que se traduce nun custo de 42 euros para unha leira tipo de 1.000 metros cadrados.
Con esta nova resolución dáse continuidade ao traballo de prevención. O Concello xa publicou un bando o pasado 22 de abril no que informaba os propietarios da obriga legal de xestionar a biomasa vexetal antes da data límite do 31 de maio. Ao terse superado este prazo para o cumprimento voluntario, o Concello advirte de que poderá proceder á execución subsidiaria das tarefas de limpeza. Isto suporá a repercusión dos custos aos propietarios mediante liquidacións provisionais, o comiso das especies prohibidas retiradas e a apertura do correspondente procedemento sancionador segundo a Lei 3/2007.
Os titulares dos terreos teñen a obriga legal de facilitar o acceso para a realización dos traballos. Para consultar a delimitación das faixas ou resolver dúbidas, o departamento de Medio Ambiente do Concello pon á disposición o teléfono 988388135, o correo c.ambiental@ourense.es e a información detallada na web municipal e no visor da Xunta.

