Ofrecerá 9 días de actividades de lecer e gratuítas para mozos e mozas de 8 a 16 anos, que poderán inscribirse desde o luns
O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación da edición número 39 do Campamento Urbano, que organiza a Asociación Xuvenil Amencer coa colaboración da Concellería de Xuventude do Concello de Ourense e diferentes entidades e empresas da cidade. No acto participaron a concelleira de Xuventude, Tamara Silva; os coordinadores do campamento, Javier Carballo e Pablo Seara; o coordinador de Amencer, Xulio Vilar; e o xerente da asociación, Xulio César Iglesias Blanco.
O campamento infantil e xuvenil desenvolverase desde o luns 3 de agosto ata o mércores 13. O vindeiro luns 22 de xuño abrirase o prazo de inscrición, a través da páxina web da asociación (www.amencer.org). O equipo organizador afronta “con moita ilusión e ganas” unha nova edición desta emblemática cita do verán na cidade, coa previsión de acadar un novo récord de participación, tras reunir uns 1.000 mozos e mozas en 2025.
A concelleira de Xuventude, Tamara Silva, destacou durante o acto a importancia de “contar un ano máis con esta actividade, que cada ano segue medrando”. A edil puxo en valor o “fantástico” labor que desenvolve a asociación coa mocidade “con actividades lúdicas, deportivas, de traballo en equipo e en valores, polo que estamos encantados de colaborar un ano máis”.
O Campamento Urbano Infantil mantén o seu carácter aberto e gratuíto para todos os nenos e as nenas de entre 8 e 16 anos. Así mesmo, ofrece unha modalidade específica para maiores de 15 anos a través do Campamento Urbano Xuvenil.
A programación abrangue nove días de actividades:
- Tres xornadas completas: cun horario continuado desde as 10.30 ata as 19.30 horas.
- Seis xornadas partidas: cun horario de mañá (de 10.30 a 13.30 horas) e de tarde (de 16.30 a 19.30 horas). Para maiores de 15 anos, tamén se programarán actividades en horario nocturno.

