O Concello de Ourense participa nos Xogos do Eixo Atlántico, que reúnen 2.400 deportistas en Famalicão e Braga

adminON
Lectura mínima de 2

O alcalde Gonzalo Pérez Jácome despediu os mozos e as mozas da cidade que competirán en 10 especialidades diferentes

O tenente de alcalde e a concelleira de Contratación asistirán esta tarde á Cerimonia de Apertura do campionato

A cidade de Ourense participa nos XV Xogos do Eixo Atlántico, que reúnen desde hoxe 2.400 deportistas nas localidades portuguesas de Famalicão e Braga. O alcalde Gonzalo Pérez Jácome e o tenente de alcalde, Aníbal Pereira, achegáronse ao Pavillón dos Remedios para despedir os mozos e as mozas que viaxan a Portugal para representar a cidade competindo en 10 especialidades diferentes: baloncesto masculino e feminino, fútbol 7 masculino e femenino, atletismo masculino e feminino, natación masculina e feminina, balonmán feminino e voleibol feminino.

O tenente de alcalde e a concelleira de Contratación, Ana Fernández, asistirán esta tarde á Cerimonia de Apertura do campionato, que se desenvolverá até o día 5 de xullo nas localidades de Vila Nova de Famalicão e Braga.

O campionato, nesta edición número 15, reúne 2.400 participantes procedentes de Galicia e do Norte de Portugal, a que representa a cifra máis alta nos 30 anos de existencia dos xogos.

Desde a súa orixe, en 1995, esta competición é unha das principais bandeiras do Eixo Atlántico e un factor de grande mobilización de mozos deportistas. Realízanse cada 2 anos e constitúen un evento deportivo transfronteirizo único en Europa. Os Xogos teñen como obxectivo fomentar a participación de toda a cidadanía e a construción da Eurorrexión do Eixo Atlántico que, á súa vez, enmárcase na construción da Europa das cidades e da cidadanía.

Comparte este artigo