O Concello de Ourense reorganiza o tráfico no centro da cidade pola execución de catro obras

Redacción

As actuacións, coordinadas entre a Concellería de Infraestruturas e a Policía Local comezaron hoxe no cruzamento de San Lázaro e Santo Domingo

As seguintes intervencións serán en Curros Enríquez, Peña Trevinca e Avenida de Portugal

O Concello de Ourense, a través dunha acción coordinada entre a Concellaría de Infraestruturas e a Policía Local, inicia hoxe, mércores 1 de xullo, un plan de reorganización do tráfico no centro urbano, motivado pola execución de obras de mellora en diferentes rúas da cidade.

Desenvolverase en 4 fases, e afectará progresivamente aos eixes viarios de rúa Bedoya-San Lázaro, Curros Enríquez-Concello-Xoán XXIII, Pena Trevinca e a Avenida de Portugal.

Fases, restricións e desvíos previstos:

Fase 1: Corte de tráfico no eixe Bedoya – Santo Domingo – San Lázaro (Inicio: hoxe 1 de xullo, duración estimada de 2 meses)

Con motivo dos traballos, a intersección das rúas Bedoya, Santo Domingo e o Parque de San Lázaro estará pechada ao tráfico rodado. Habilitaranse acceso e saídas exclusivos para residentes nas rúas:

  • Santo Domingo: Acceso e saída a través da rúa Concordia.
  • Parque de San Lázaro: Acceso e saída por Curros Enríquez.
  • Bedoya (tramo Valle Inclán – Santo Domingo): O acceso realizarase desde Concordia, continuando pola Avenida de Bos Aires, Valle Inclán e Ramón Cabanillas. A saída efectuarase exclusivamente cara á rúa Valle Inclán.

Fase 2: Obras no eixe Curros Enríquez – Concello – Xoán XXIII.  Os traballos terán unha duración de 2 días (luns 6 e martes 7 de xullo), en 2 subfases:

  • Primeira intervención: O vial de Xoán XXIII situado detrás da Subdelegación do Goberno pasará a ser de dobre sentido de circulación provisional (dirección Avenida da Habana cara a Curros Enríquez), sinalizado con conos. Ademais, a parada do autobús urbano do Parque de San Lázaro trasladarase provisionalmente a Curros Enríquez. Os vehículos que saian da rúa Concello veranse obrigados a xirar á dereita cara a Xoán XXIII en sentido descendente.
  • Segunda intervención: Unha vez concluídos os traballos anteriores, reabrirase ese nodo e pecharase ao tráfico o tramo detrás da Subdelegación do Goberno, impedindo o acceso de vehículos desde Xoán XXIII cara á Avenida da Habana.

Fase 3: Asfaltado na rúa Pena Trevinca

Ao remataren as obras de Curros Enríquez, a empresa adxudicataria iniciará os traballos de pavimentación na rúa Pena Trevinca (desde Serra de Queixa ata a intersección coa Estrada da Granxa e Emilia Pardo Bazán). A rúa quedará configurada de sentido único descendente. Os vehículos que precisen circular en sentido ascendente serán desviados pola rúa Serra de Queixa. Desde o luns 6 de xullo procederase ao valado e reserva das zonas de aparcamento en Peña Trevinca para permitir o paso da maquinaria de asfaltado.

Fase 4: Asfaltado na Avenida de Portugal

A última fase do plan contempla o reasfaltado da Avenida de Portugal, que actualmente xa se atopa en obras, polo que o impacto no tráfico será mínimo. No entanto, na intersección coa rúa Ervedelo, contarase con sinalistas da obra para regular o tráfico mediante paso alternativo.

Desde o Concello de Ourense solicítase aos condutores a máxima precaución, que presten atención á sinalización circunstancial e que utilicen rutas alternativas mentres duren os traballos.

Comparte este artigo