O Concello iniciará mañá obras de reparación do pavimento no cruzamento de Bedoya, San Lázaro e Santo Domingo

Redacción

Os traballos terán unha duración estimada de dous meses e requirirán pechar ao tráfico a intersección

O Concello de Ourense iniciará mañá, mércores, 1 de xullo, a execución dos traballos de reparación e mellora do pavimento de lousas de pedra na intersección entre as rúas Bedoya, Parque de San Lázaro e Santo Domingo. Esta actuación, imprescindible para o mantemento do espazo público, fará necesario proceder ao corte do tráfico rodado neste cruzamento.

A intervención ten un prazo estimado de dous meses, período durante o cal se reordenará a circulación da zona para minimizar o impacto no día a día dos veciños e garantir a seguridade viaria.

En todo momento permitirase o acceso de residentes e servizos aos garaxes na zona afectada. Para facilitar as entradas e saídas, habilitarase provisionalmente a circulación en dobre sentido:

  • Na rúa Parque de San Lázaro: en dobre sentido desde o Paseo ata a intersección, mantendo operativa a parada de taxis.
  • Rúa Santo Domingo: en dobre sentido no tramo comprendido entre as rúas Concordia e Bedoya.
  • Rúa Bedoya: en dobre sentido no tramo comprendido entre as rúas Santo Domingo e Valle-Inclán.

O Concello de Ourense agradece de antemán a colaboración e comprensión da veciñanza ante as molestias que estas obras de mellora poidan ocasionar.

Comparte este artigo