O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense organiza unha nova edición de ‘Tai Chi na Rúa’, unha actividade gratuíta que se desenvolverá todas as mañás de luns a venres, de 8.00 a 9.00 h, desde o día 1 ata o 17 de xullo, no Xardín do Posío.
Esta iniciativa, que este ano cumpre a súa edición número 42, busca achegar á veciñanza de todas as idades a un estilo de vida activo e saudable desde primeira hora do día.
O Xardín do Posío acolleu esta mañá a presentación da actividade, na que participaron o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, e o mestre José Gago. As sesións teñen unha duración dunha hora. Desde a organización lémbrase que as persoas participantes deben asistir con roupa e calzado cómodo, e recoméndase chegar uns minutos antes das 8.00 da mañá ao lugar de práctica. Non é necesario inscribirse antes.

