O alcalde e o concelleiro de Seguridade recibiron no salón de plenos os novos efectivos do servizo municipal
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Ignacio González, recibiron esta mañá no salón de plenos os 13 novos axentes que se incorporan á Policía Local de Ourense. Logo dun rigoroso proceso de selección, súmanse ao cadro de persoal do servizo municipal como parte da oferta de emprego público de 2020.
Os novos membros do corpo policial inician o seu período de prácticas, que terá unha duración de tres meses. Durante este tempo, recibirán formación práctica intensiva para familiarizarse cos procedementos e o funcionamento da Policía Local de Ourense. Ao finalizar este período, incorporaranse oficialmente como funcionarios de carreira, reforzando a seguridade e o servizo á cidadanía.
O goberno municipal valora a chegada destes novos axentes como “un paso importante para garantir a seguridade e o benestar dos habitantes de Ourense. Os seus coñecementos e enerxía serán fundamentais para responder aos desafíos que presenta a cidade”, aseguran.

