O acordo contou cos votos a favor de DO e PP e as abstencións de PSdeG-PSOE e BNG
O Consello Reitor aprobou este mediodía o proxecto de orzamentos do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense para o ano 2025, por un importe total de 5.255.400 euros. Na sesión, que se desenvolveu este mediodía no salón de plenos, o acordo foi aprobado cos votos a favor dos representantes dos grupos municipais de DO e PP, e a abstención de PSdeG-PSOE e BNG.
Como avanzara esta semana o goberno municipal, as contas do organismo autónomo aumentan un 27%, coa finalidade principal de manter o nivel de prestación de servizos actuais da entidade.
A aprobación dos orzamentos do CMD é un requisito previo para levar a debate diante do Pleno, durante o próximo mes de maio, os orzamentos do Concello de Ourense. Segundo avanzou esta semana o alcalde, experimentarán un incremento dun 13%, ao pasar de 103 a 116 millóns de euros.