O Grupo Provincial do PP esixe a ADIF a limpeza urxente das marxes ferroviarias e o mantemento das estacións para prever incendios e o deterioro do rural

Redacción

·        A portavoz Patricia Torres lembrou o “compromiso firme” dos populares coa defensa do noso territorio, coa prevención de incendios e coa protección dos nosos concellos”, afirmando que con esta iniciativa ínstase  á entidade estatal a executar rozas periódicas, eliminar o uso de produtos fitosanitarios e frear o abandono das instalacións na provincia 

·        Os populares lembran os graves antecedentes na provincia, como os lumes de Boborás ou os incidentes recentes en San Cibrao das Viñas que provocaron cortes na liña do AVE e do tren convencional

O Grupo Provincial do Partido Popular esixe a ADIF a limpeza urxente das marxes ferroviarias e o mantemento das estacións para prever incendios e o deterioro do rural, a través dunha moción que levarán ao pleno do mes de xullo. A portavoz do GPP, Patricia Torres, lembrou o “compromiso firme” dos populares coa defensa do noso territorio, coa prevención de incendios e coa protección dos nosos concellos”, afirmando que con esta iniciativa ínstase  á entidade estatal a executar rozas periódicas, eliminar o uso de produtos fitosanitarios e frear o abandono das instalacións na provincia.

A través desta iniciativa ínstase ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) a acometer, con carácter urxente e periódico, labores de limpeza, roza e retirada de vexetación seca e biomasa nas marxes das vías do tren que discorren pola provincia.

A iniciativa dos populares pon o foco na “vulnerabilidade” do rural ourensán ante a falta de mantemento preventivo por parte do Goberno central, o que eleva exponencialmente o risco de incendios forestais nos meses de maior calor e nun contexto de seca e altas temperaturas.

ANTECEDENTES GRAVES E INCIDENTES RECENTES

Os populares lembran que a falta de conservación de ADIF xa provocou episodios moi graves na provincia. Entre eles, destaca o incendio de Boborás en 2015, que queimou 180 hectáreas e derivou nunha condena da Audiencia Nacional a ADIF e Renfe ao considerarse acreditado que o lume prendeu na materia orgánica acumulada xunto á vía por mor de faíscas dun tren en mal estado.

A esta situación súmanse as incidencias máis recentes, como o corte da circulación ferroviaria con Madrid e os apagóns sufridos en agosto de 2025 en Ourense, San Cibrao das Viñas, O Couto e Barbadás por lumes na contorna ferroviaria. Así mesmo, o pasado mes de xuño de 2026, o Concello de San Cibrao das Viñas tivo que solicitar actuacións urxentes tras un conato de incendio en Noalla e un lume en Castroverde orixinados pola caída de árbores sobre a liña ferroviaria e a catenaria.

“As contornas ferroviarias son espazos especialmente sensibles. A presenza de vexetación seca, arborado sen control e biomasa sen retirar non fai máis que incrementar o risco de incendios e agravar as súas consecuencias, poñendo en perigo as persoas, os bens e o propio servizo”, sinala Ana Patricia Torres.

ALTERNATIVAS ECOLÓXICAS E FIN DO ABANDONO DAS ESTACIÓNS

A moción do PP tamén reclama un modelo de mantemento máis respectuoso co medio ambiente e coa saúde. Por iso, esixen a ADIF a eliminación progresiva do uso de produtos fitosanitarios nas marxes das vías, priorizando alternativas mecánicas ou manuais que non prexudiquen o solo, a auga e a biodiversidade.

Por outra banda, o Grupo Popular denuncia o evidente deterioro e o abandono institucional que sofren numerosas estacións de tren da provincia, tanto as que teñen servizo de viaxeiros como as que quedaron en desuso. Os populares lembran que moitas destas instalacións son referentes patrimoniais e históricos para os concellos, pero o seu abandono está a xerar problemas de seguridade e salubridade pública.

Comparte este artigo