A Praza Maior foi esta mañá escenario da presentación do II Open Cidade de Ourense de Tenis, que se desenvolverá desde o 22 ao 28 de xuño no Club Santo Domingo e nas instalacións de Padelprix Ourense. O torneo, de categoría 1.000, forma parte do circuíto nacional da Real Federación Española de Tenis e repartirá 5.000 euros en premios. O evento está organizado pola Federación Galega de Tenis e conta coa colaboración do Concello de Ourense, os clubs Santo Domingo e Padelprix, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e diferentes empresas.
No acto de presentación participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira; o deputado provincial, Jorge Pumar; o xefe do Servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o presidente do Club Santo Domingo, Alfonso Junco; o representante de Padelprix, Iago Laredo; o presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera; e a directora do torneo, Elsa Corral.
Nesta segunda edición, o torneo medra coa gran novidade da categoría feminina, que se desenvolverá en Padelprix, ademais da masculina, que se xogará no Club Santo Domingo. Ambos cadros contan con senllos premios de 1.000 euros para o gañador e a gañadora.
O presidente da Federación Galega, José Mosquera, explicou que “é un torneo que o que intenta é promocionar os xogadores de abaixo, o deporte base, para que os que están iniciándose neste deporte ou destacando xa, poidan participar en campionatos”. En total, a competición reunirá 20 tenistas na categoría masculina e 10 na feminina, procedentes principalmente de Galicia e de zonas próximas como Asturias.
Horarios das fases finais
O campionato desenvólvese mediante roldas eliminatorias directas e vivirá a súa xornada de clausura o domingo, 28 de xuño:
- Final feminina (en Padelprix): Disputaráse a partir das 00 horas, coa entrega de premios prevista arredor das 11.30 horas.
- Final masculina (en Santo Domingo): Arrincará sobre as 00 horas e prevese a entrega de trofeos a partir das 12.30 ou 13.00 horas.

