HomeOurenseO PP de Ourense pide medidas urxentes ao Ministerio de Agricultura para...

O PP de Ourense pide medidas urxentes ao Ministerio de Agricultura para protexer o sector apícola como actividade económica e ambiental estratéxica no rural

- Anuncio -spot_img
  • “Non podemos permitir que os nosos apicultores se vexan obrigados a competir en desigualdade de condicións”, denunciou Miguel Ángel Viso, afirmando que hai que protexer un sector que non só xera emprego e riqueza, senón que é vital para a biodiversidade e a seguridade alimentaria
  • Os apicultores lamentan a crecente entrada de mel de baixa calidade que está a provocar a caída dos prezos, así como a ameaza constante de enfermidades e especies invasoras como a vespa velutina

Os deputados ourensáns no Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Viso, Cristina Campero e Víctor Baladrón, acompañados pola alcaldesa popular de Riós, Eva Barrio, visitaron dúas explotacións apícolas no municipio -Mel da Ribeira e Abella obreira- co fin de coñecer as dificultades ás que se enfrontan os produtores de mel pola competencia desleal das importacións e a elevada mortalidade das abellas. “Escoitar aos apicultores é fundamental para defender os seus dereitos e garantir o futuro deste sector estratéxico para Galicia”, destacou Miguel Ángel Viso.

Logo de visitar as explotacións, tanto a zona de envasado como un apiario en funcionamento, os parlamentarios escoitaron de primeira man os detalles da “situación crítica na que se encontra esta produción”, segundo expresaron apicultores, que lamentaron a crecente entrada de mel de baixa calidade que está a provocar a caída dos prezos, así como a ameaza constante de enfermidades e especies invasoras como a vespa velutina.

“Non podemos permitir que os nosos apicultores se vexan obrigados a competir en desigualdade de condicións”, denunciou Viso en nome da delegación parlamentaria. Insistiu en que “é urxente que o Ministerio de Agricultura actúe para protexer un sector que non só xera emprego e riqueza, senón que é vital para a biodiversidade e a seguridade alimentaria”.

Entre tanto, a alcaldesa popular de Riós agradeceu a presenza dos deputados e destacou a importancia da apicultura para o desenvolvemento rural. “A apicultura é unha actividade esencial no noso concello, tanto desde o punto de vista económico como ambiental. É imprescindible apoiar aos nosos produtores e defender a calidade do mel galego”, afirmou.

INICIATIVA DO PP NO PARLAMENTO GALEGO EN DEFENSA DA APICULTURA

Esta visita prodúcese despois de que o Parlamento de Galicia aprobase esta mesma semana unha proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular para instar ao Goberno central a adoptar medidas urxentes en defensa da apicultura, “a pesar de non contar co apoio dos deputados do PSdeG”.

O Grupo Popular reafirmou o seu compromiso con este sector fundamental para o rural galego, lembrando que a Xunta de Galicia ten habilitado 1,4 millóns de euros en axudas para modernizar as explotacións, combater enfermidades e frear a expansión de especies invasoras. “Seguiremos traballando para que os apicultores galegos teñan un futuro digno e poidan continuar co seu labor imprescindible para a sociedade”, concluíu Miguel Ángel Viso.

Publicacións Relacionadas