· Os deputados nacionais do PP por Ourense rexistran unha batería de preguntas no Congreso ante a onda de subtraccións nas explotacións agrogandeiras da comarca
· A iniciativa parlamentaria reclama de forma urxente o incremento de efectivos e a reapertura do cuartel da Garda Civil de Trasmiras
O Partido Popular de Ourense esixe unha resposta inmediata ao Goberno central ante a grave situación de inseguridade que viven os agricultores da comarca da Limia. Os deputados populares no Congreso, Ana Vázquez, Rosa Quintana e Celso Delgado, presentaron unha iniciativa parlamentaria motivada polo goteo constante de subtraccións de material rexistrados nesta zona da provincia.
Segundo explica Ana Vázquez, os produtores da comarca levan meses sufrindo incidentes de forma reiterada, enfrontándose a unha alarmante onda de roubos que non só afecta á actividade diaria das explotacións, senón que compromete de xeito directo os investimentos dos agricultores da Limia.
O texto rexistrado na Cámara Baixa detalla que as subtraccións denunciadas polos afectados inclúen perdas materiais moi diversas e esenciais para o traballo do campo, como roubos de elementos de construción destinados especificamente ao sistema de rega, pezas de cable e chaves de paso, reservas de combustible das leiras, e mesmo materiais menores pero indispensables para as tarefas de cultivo.
Ante esta situación de inseguridade por parte do sector agrogandeiro, o Partido Popular formulou unha serie de preguntas directas ao Executivo central para coñecer que accións pensa implantar para frear esta escalada delituosa.
Ana Vázquez subliña que “é urxente saber se o Goberno ten previsto incrementar a vixilancia de xeito especial para esta zona da Limia con máis efectivos”, á vez que pregunta en que Relación de Postos de Traballo (RPT) do catálogo “prevese dotar esas novas prazas para loitar contra os roubos no campo ourensán”.
A iniciativa dos representantes ourensáns do PP no Congreso tamén se estende ao cuartel da Garda Civil de Trasmiras, esixindo ao Goberno que reconsidere a apertura destas instalacións, situadas estratexicamente no corazón da Limia e pechadas recentemente por orde do propio Executivo, unha decisión que os populares instan a reverter de inmediato dada a actual vulnerabilidade dos agricultores.
Finalmente, co obxectivo de avaliar o alcance real da falta de seguridade na zona, a iniciativa parlamentaria esixe ao Ministerio do Interior que concrete o número exacto de atestados e denuncias por roubo ou furto que se contabilizaron oficialmente na comarca da Limia desde o ano 2024.

