O Tribunal de Instancia de Ourense (Sección de Instrución, Praza número 2) decretou o sobreseimento provisional e o arquivo das dilixencias previas seguidas contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o Concello, a Deputación e dous expresidentes do COB. A resolución xudicial responde á querela presentada pola entidade Will & Laws Gestión Internacional de Herencias S.L., que acusaba os denunciados de presuntos delitos de estafa, falsidade documental, administración desleal e apropiación indebida en relación ao contrato polo que esta empresa asumiu a xestión do equipo de baloncesto da cidade no ano 2021. Tras analizar as actuacións, a maxistrada rexeitou as peticións de nulidade da acusación particular e acordou o arquivo ao constatar que “do actuado non aparece debidamente xustificada a perpetración dos delitos que deron motivo á formación da causa”.
A orixe do conflito penal radica nas reclamacións da empresa demandante respecto ás condicións da súa entrada no Club Orense Baloncesto. Segundo sostiña a querelante, antes de xuño de 2021 ofrecéuselle asumir a xestión integral do club, facerse cargo de débedas da entidade e realizar as achegas económicas necesarias para que o equipo progresase. A cambio, afirmaba que se lle prometeu que recibiría o 51% das accións da sociedade deportiva mediante unha ampliación de capital a finais dese ano, compensando o valor das accións cos investimentos previos que aseguraba ter realizado (arredor de medio millón de euros), sen ter que pagar máis diñeiro. A entidade denunciaba que este pacto foi incumprido.
Porén, o auto desbota estes argumentos e determina de forma taxativa que “non consta acreditada a realidade dun engano bastante e antecedente”. Aclara que o contrato de xestión asinado en xuño de 2021 obrigaba á empresa a acudir á ampliación de capital “aboando o prezo que se fixe”, o que “dista moito de poder equipararse á capitalización de previas achegas”. Así mesmo, a xuíza descarta os delitos de falsidade, administración desleal e apropiación indebida, confirmando que o diñeiro investido pola firma figura correctamente na contabilidade do club como “pasivo financeiro”. A resolución sinala que “é na vía civil na que as partes do contrato deberán dilucidar as súas discrepancias sen que sexa posible sen previa decisión das mesmas estimar retido indebidamente diñeiro correspondente á querelante pola mercantil da que son socios ou administradores os querelados”. O auto é susceptible de recurso.

