As danzas e músicas chegadas dende catro continentes estrearon hoxe en Celanova e O Barco o seu percorrido pola provincia
O público das dúas vilas aplaudiu a calidade artística despregada sobre o escenario polos compoñentes das seis agrupacións folclóricas
Mañá, a Rúa do Toural, en Maceda, gozará coa cultura da danza de México, Senegal e Panamá, ás 22,30 horas
O Parque da Preguiza, en Verín, recibirá aos grupos de Colombia, Taiwán e Serbia, tamén ás 22,30 horas
A XXXIX edición das Xornadas de Folclore de Ourense iniciou hoxe o seu percorrido polas vilas ourensás en Celanova e o Barco. As seis agrupacións folclóricas, divididas en dous grupos como é habitual, despregaron ante un entregado público toda a maxia, a historia e a cultura dos países que representan e que recollen no seu folclore.
Este evento cultural está organizado pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.
Os asistentes á cita en Celanova descubriron as danzas e a música de México, Senegal e Panamá. No Barco o escenario foi para os membros das agrupacións de Colombia, Taiwán e Serbia. Un colorido espectáculo que converteu a noite nunha rica experiencia de apertura ao mundo e as súas tradicións.
Mañá, 14 de agosto: Maceda e Verín
O Ballet Folclórico do Instituto Tecnolóxico de Celaya, de México, os senegaleses do Baillet Jammu e a Academia Andrés Valiente, Danzas e proxeccións de Panamá serán os protagonistas na noite de Maceda, a partir das 22,30 horas.
En Verín abrirán a festa da cultura os colombianos da Fundación Ballet Folclórica de Nobsa. Seguidamente subirán ao escenario o grupo de Taiwán Yuan Yuan Dance Group e pecharán a noite os serbios de Kud Srem. A cita será ás 22,30 horas.
O Ballet Folclórico de México
O Ballet Folclórico do Instituto Tecnolóxico de Celaya, México, chega a Ourense no seu 50 aniversario. Dende a súa fundación o seu obxectivo fundamental é preservar e difundir a danza tradicional mexicana e as raíces da identidade nacional. Cun amplo repertorio de bailes de México, promove a imaxe cultural do Instituto Tecnolóxico de Celaya por todo o país e fóra del. No ano 2013, foi acreditado como grupo CIOFF, Colaborador Oficial da UNESCO. Representou ao seu país en importantes festivais nacionais e mundiais, como Francia, Inglaterra, Turquía, Perú, Colombia, Arxentina ou Canadá. Música e danza que nos deixan de sorprender aos espectadores.
Recepción Oficial
As delegacións participantes nestas XXXIX Xornadas de Folclore de Ourense serán recibidas mañá, 14 de agosto, ás 12,00 horas, no Pazo Provincial.
NOTA: Os grupos terán a súa sede central no Centro Residencial Docente de Ourense e o IES Universidade Laboral. Para concertar entrevistas ou reportaxes o contacto é:
- Fco. Xavier Álvarez Campos – 606 09 50 61

