adminON
Lectura mínima de 4

O PSOE demanda a inclusión de Redondela na Fundación  Museo do Mar de Galicia

– Desde decembro de 2022, a xestión da illa de San Simón depende da Fundación Museo do Mar de Galicia. O grupo socialista lamenta que nesta fundación “o Concello de Redondela non está representado nin integrado”. O PSOE sinala que, sendo as illas parte do municipio, “como representación do pobo o Concello debe ter voz e voto no órgano onde se decide o futuro da illa”.

– Os socialistas de Redondela demandan a recuperación da Fundación Illa de San Simón, “como entidade autónoma da Fundación Museo do Mar de Galicia.” Solicitan tamén á Xunta dotar á Fundación Illa de San Simón “de recursos e orzamento para mantemento, actividades e promoción da illa de san Simón como espazo da memoria e como espazo de especial interese histórico”.

O Grupo Municipal dos Socialistas de Redondela levará ao próximo pleno da Corporación unha moción para demandar á Xunta de Galicia a inclusión do Concello de Redondela no padroado da Fundación Museo do Mar de Galicia. Xustifican esta petición na necesidade de que Redondela forme parte do órgano de administración e xestión das Illas de San Simón e de San Antón, mestres non se recupere a propia Fundación Illa de San Simón.

Lembran desde o grupo socialista que as illas de San Simón e San Antón son “un excepcional enclave” situado na enseada que conforma o fondo da ría de Vigo e que está catalogada como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. Ademais do seu gran valor ambiental, estas illas foron desde a antigüidade “testemuña directa da historia e dos múltiples avatares que aquí tiveron lugar”.

A partir de 1997 a Xunta de Galicia iniciou un proceso de recoñecemento dos valores deste lugar, coa súa declaración como Ben de Interese Cultural como sitio histórico, coa redacción do Plan Director das illas, elaborado polo arquitecto César Portela, coa rehabilitación do conxunto e coa constitución, en maio de 2007, do Padroado da Fundación Illa de San Simón. Posteriormente, en 2013, a Xunta de Galicia acorda a súa extinción. Desde decembro de 2022, a xestión da illa de San Simón depende da Fundación Museo do Mar de Galicia. O grupo socialista lamenta que nesta fundación “o Concello de Redondela non está representado nin integrado”. Sinalan que, sendo as illas parte do termo municipal de Redondela, “a administración municipal, como representación do pobo redondelán, debe ter presenza con voz e voto nos espazos onde se defina ou decida o futuro da illa, que actualmente é na Fundación Museo do Mar de Galicia”. O Concello de Redondela solicitou en decembro de 2022 á Xunta de Galicia a inclusión na administración e xestión da Illa de San Simón, como territorio que pertence á parroquia de Cesantes.

Os socialistas de Redondela defenden que a Illa de San Simón precisa dun ente instrumental “capaz de xestionar, con recursos suficientes e orzamento, o mantemento, actividades e promoción da illa de san Simón como espazo da memoria e como espazo de especial interese histórico”. Para poder cumprir con este obxectivo demandan a recuperación da Fundación Illa de San Simón, “como entidade autónoma da Fundación Museo do Mar de Galicia.” Solicitan tamén á Xunta dotar á Fundación Illa de San Simón “de recursos e orzamento para mantemento, actividades e promoción da illa de san Simón como espazo da memoria e como espazo de especial interese histórico”.

Comparte este artigo