A Agrupación Socialista denuncia un estado de abandono “crónico, alarmante e impropio” dun concello que é referente patrimonial e turístico

Redacción

Muíños ocultos, petroglifos desaparecidos e un casco urbano devorado pola maleza: a deixadez municipal é xa imposible de disimular 

A Agrupación Socialista de Catoira denuncia que o municipio se atopa nun estado de deterioro extremo, cun nivel de abandono “inadmisible, vergonzoso e absolutamente incompatible cun goberno responsable”. A formación responsabiliza directamente ao alcalde, Xan Castaño, dunha xestión “neglixente, pasiva e incapaz” que —segundo afirman— está a provocar que espazos emblemáticos e zonas de uso diario “se afundan nunha decadencia que nunca antes se vira en Catoira”.

Os socialistas subliñan que o entorno dos muíños de vento, un dos puntos máis singulares do municipio, presenta un aspecto “desolador, selvático e impracticable”, con camiños cubertos pola maleza, estruturas sen mantemento e un abandono que “retrata á perfección a deixación absoluta do goberno local”. Engaden que os petroglifos, outro dos tesouros patrimoniais de Catoira, permanecen “ocultos, tapados e invisibles” pola falta de limpeza e coidado, “como se o Concello renunciase a protexer o seu propio pasado”.

A situación no casco urbano non é mellor: rúas invadidas pola vexetación, beirarrúas intransitables, contedores tirados durante días e espazos públicos “convertidos en auténticos ermos urbanos”. Para a agrupación, esta realidade non é froito dun episodio puntual, senón “o resultado directo dunha política municipal baseada na inacción, na improvisación e na incapacidade manifesta para gobernar”.

O portavoz socialista Alberto García lembra que o sector servizos leva meses advertindo dunha caída notable de visitantes, “un descenso que non é casualidade, senón consecuencia directa dun municipio que ofrece unha imaxe de abandono permanente”. A isto súmase o peche prolongado do Museo, que estivo máis de medio ano sen actividade e sen persoal, deixando a quen chega “sen información, sen recursos e cun patrimonio que non se pode nin visitar”.

A Agrupación Socialista de Catoira esixe a Castaño que asuma responsabilidades, actúe con urxencia absoluta e devolva aos muíños, aos petroglifos, ao casco urbano e ao conxunto do municipio “a dignidade, o respecto e o coidado que perderon pola súa xestión desastrosa”.

Comparte este artigo