Preto dun milleiro de persoas participaron nas actividades organizadas polo Concello de Tui
Un milleiro de persoas participaron ao longo do mes pasado nas actividades desenvolvidas ao abeiro do programa “Setembro Xudeu” que consolidaron á cidade coma destino cultural de referencia. Así o indica a concellería de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana Núñez, que expresa a súa satisfacción polo balance extraordinariamente positivo do desenvolvemento destas actividades programas arredor do “Setembro xudeu en Tui” cunha ducia de actividades que contaron cunha ampla participación tanto de tudenses como de visitantes.
Salientan especialmente as tres visitas guiadas e as outras tantas visitas temáticas que reuniron arredor de setecentos asistentes que se achegaron ao patrimonio xudeu que atesoura a nosa cidade tanto con visitas por especialistas como Suso Vila (visita sobre “As familias xudías de Tui” o domingo 1 de setembro), José Ramón Fernández (visita sobre “Presenzas xudías na catedral de Tui” o domingo 22 de setembro) ou Sara Quintana (coa visita do pasado domingo 29 de setembro), así como as visitas temáticas nocturna con degustación de viño Kosher o sábado 7 de setembro, ou con momentos musicais ao día seguinte, ou con varias escenas teatralizadas celebrada o domingo 18 de setembro.
Tamén contaron cunha boa asistencia de público a presentación do libro de Vilma Faingezicht, “Una judía en el camino a Compostela” e a súa exposición “Luces de esperanza dende os sambenitos de Tui” que chegou dende Costa Rica, así como a conferencia de Israel Doncel, director de comunicación de Centro Sefarad-Israel, e o concerto de Terra Sigilata” co seu espectáculo “Las madres de Sefarad” celebrado na igrexa de San Domingos.
Para o público familiar celebrouse este pasado sábado 28 de setembro un xogo de escapismo sobre a comunidade xudía de Tui que contou coa participación de 51 adultos e 36 menores, que percorreron o conxunto histórico tudense na procura das pegadas do legado xudeu.
Finalmente, tamén resultou positiva, como elemento, promocional a nova edición das “Xornadas gastronómicas sefardís” centradas este ano na “Ruta de tapas de bacallau” con oito establecementos que ofertaban estas tapas os venres e sábados do mes de setembro.
Para Ana María Álvarez Núñez resulta moi satisfactorio recibir por parte dos participantes unhas valoracións positivas sobre a programación ofertada neste “Setembro xudeu de Tui” cuxas actividades foron cualificadas como “entretidas”, “educativas” e “axeitadas para coñecer e entender a historia e o legado xudeu”. Ana Núñez agradece a participación dos oito establecementos de hostalaría na ruta das tapas de bacallau así como ás empresas e autónomos que participaron no desenvolvemento das actividades do programa.
O Concello de Tui continuará traballando na promoción do turismo cultural, que ten no patrimonio xudeu un elemento singular, como unha ferramenta para o posicionamento turístico da nosa cidade e un eixo de promoción da actividade socio-económica tudense.
A concelleira tudense lembra que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).