Cinco equipos competiron para elaborar os petiscos máis saudables nunha edición marcada pola creatividade e o traballo en equipo
A aula de Pousada do CRA de Vilaboa converteuse esta semana nun auténtico estudio culinario coa celebración da segunda edición do PousaChef, unha proposta educativa que combina alimentación saudable, creatividade e participación das familias.
O alumnado, dividido en cinco equipos identificados por cores, participou nunha dinámica na que unha ruleta determinaba a cor dos alimentos que debían empregar para elaborar pratos nutritivos e saudables. Coordinados por pais, nais, avós e avoas, foron os propios nenos e nenas quen escoitaron, decidiron e seleccionaron os ingredientes nun supermercado simulado que o profesorado montou no interior das instalacións.
A competición estivo moi reñida e puxo en valor a capacidade da rapazada para traballar en equipo, organizar tarefas e presentar propostas sorprendentes. O xurado, formado polo alcalde de Vilaboa, César Poza; a directora do CRA, Conchita Pérez; e a profesora do centroYolanda Méndez, tivo serias dificultades para escoller un único gañador debido ao altísimo nivel das elaboracións.
Finalmente, o veredicto decantouse por un empate entre o equipo negro, que traballou con alimentos de cor verde, e o equipo vermello, ao que lle tocou ese mesmo ton como base do seu menú. O resultado final foi espectacular: unha mesa decorada con mimo e coidado, propia dun restaurante de primeira liña, onde froitas e verduras foron protagonistas en brochetas, zumes e combinacións cheas de cor e sabor. Todos os participantes recibiron a súa medalla e un coitelo de untar como recordo da súa participación neste concurso, que rematou cunha degustación colectiva en familia.
A directora do CRA, Conchita Pérez, felicitou ás familias pola súa implicación e destacou que actividades como esta “son posibles grazas ao compromiso constante do claustro, que entende a educación como unha experiencia viva, participativa e significativa”. Pola súa banda, o alcalde César Poza volveu amosar a súa satisfacción coa calidade do ensino público en Vilaboa e subliñou que “é un privilexio contar con aulas tan dinámicas e con tantas iniciativas”.
O PequeChef enmárcase no proxecto anual do CRA e reforza o traballo que o centro desenvolve ao longo do ano arredor das merendas colectivas e saudables, unha práctica xa consolidada nas escolas de Pousada, Barciela, Bértola, Figueirido e Paredes.

