Foron entregados pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e a Louriña
Esta mañá foi formalizado o acto de entrega á Biblioteca Municipal de Tui dunha colección bibliográfica sobre a memoria histórica, integrada por máis dun centenar de títulos que conforman dende agora, xunto aos fondos propios da biblioteca tudense, unha colección específica sobre esta temática. Por parte da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e a Louriña, asinou a acta de entrega Ramón Fernández Leal xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González.
Trátase dunha colección de arredor de cen obras bibliográficas de variada procedencia xeográfica, en moitas casos edición locais, que completan, coas obras xa existentes na Biblioteca Municipal, unha “Colección de memoria democrática” situada nos andeis xunto ás obras de historia contemporánea.
Ramón Fernández Leal explicou que a entrega desta colección bibliográfica pretende achegar á cidadanía estas obras, moitas delas hoxe de difícil acceso ou incluso descatalogadas, e que desta forman poden ser consultadas polos interesados en coñecer esta parte da nosa historia contemporánea, tantas veces escondidas ou manipulada.
Pola súa banda, Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, agradeceu á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e a Louriña este xesto que enriquece os fondos da Biblioteca Municipal tudense e expresa, nunha nova oportunidade, o compromiso do Concello de Tui coa recuperación e dignificación de todo canto está relacionado co ámbito da memoria democrática, especialmente no que atinxe ao golpe de estado de 1936, á guerra civil e posterior represión pola ditadura franquista.

