A comisión da N-550 convoca unha concentración ante a Subdelegación do Goberno pola falta de resposta ás demandas de Mos

Redacción

A comisión de seguimento da N-550 reuniuse onte para analizar a falta de resposta por parte da Administración do Estado ás demandas trasladadas desde o Concello de Mos para mellorar o estado de conservación e a seguridade viaria da estrada nacional ao seu paso polo municipio.

A comisión está integrada polas asociacións veciñais Santa Baia, Chan do Bosque, Ledicia de Sanguiñeda e A Cividade, así como polos tres grupos políticos con representación na Corporación municipal —PP, PSOE e BNG—. Na reunión participaron tamén a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, representantes municipais e persoal técnico do Concello.

Durante o encontro constatouse que nin o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible nin a Subdelegación do Goberno deron resposta formal ás solicitudes de reunión e ás peticións trasladadas desde o municipio para abordar os problemas existentes na N-550.

Durante a reunión, os representantes do PSOE trasladaron que o subdelegado do Goberno estaría disposto a manter un encontro cos colectivos veciñais e cos grupos políticos integrantes da comisión, pero non coa alcaldesa de Mos. Ante esta circunstancia, os membros da comisión expresaron o seu desacordo, ao considerar que foi precisamente o Concello de Mos quen impulsou as solicitudes de reunión e quen vén canalizando institucionalmente as reivindicacións do municipio respecto da N-550. Neste sentido, entenderon que resulta difícil xustificar a exclusión da máxima representante municipal dun proceso de diálogo promovido pola propia administración local.

Ante esta situación, a comisión acordou convocar unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra o vindeiro 10 de xullo, entre as 11:00 e as 12:00 horas, co obxectivo de reclamar unha resposta por parte da Administración do Estado e demandar avances nas actuacións solicitadas para a mellora da estrada nacional ao seu paso por Mos.

A comunicación da convocatoria e a solicitude da correspondente autorización administrativa foron remitidas á Subdelegación do Goberno hoxe mesmo. Os participantes concentraranse previamente no Pazo de Mos, desde onde se coordinará o desprazamento ata Pontevedra.

A comisión sinalou que a convocatoria poderá quedar sen efecto no caso de que antes desa data se produza unha resposta formal por parte da Administración do Estado ou avances concretos respecto das actuacións reclamadas para a N-550.

A comisión reiterou a necesidade de actuar con urxencia nunha infraestrutura fundamental para a mobilidade do municipio e insistiu en que os problemas de seguridade viaria, mantemento e conservación detectados en diferentes puntos do trazado requiren unha resposta inmediata por parte do Estado.

Os integrantes lembraron ademais que estas reivindicacións recibiron recentemente o respaldo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Senado, que aprobou o pasado 8 de xuño unha moción presentada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, instando ao Goberno de España a executar con carácter urxente distintas actuacións de mellora, conservación e seguridade viaria na N-550 ao seu paso polo municipio. Dita moción non contou, sen embargo, co voto favorable do PSOE.

Entre as medidas recollidas na iniciativa figuran a transformación en travesía urbana de distintos treitos da estrada en Sanguiñeda e na zona da Gándara, a mellora do mantemento de beirarrúas e marxes, a limpeza integral de cunetas e espazos invadidos pola vexetación, a remodelación da intersección de Louredo, a reparación do firme en Amieirolongo e o repintado da sinalización horizontal como medida básica de mellora da seguridade viaria.

Comparte este artigo