- O Pavillón Municipal da Sangriña acollerá este sábado 11 de xullo, ás 18:00 horas, unha gala aberta ao público e con entrada gratuíta
- O evento servirá para presentar unha selección das coreografías coas que ambas formacións competirán nas finais do Global Dance Open 2026
A Guarda converterase este sábado 11 de xullo no escenario da danza coa celebración da “Gala Pre Mundial”, un evento organizado por Dansá Performing Arts e RDS Company, coa colaboración do Concello da Guarda. A cita terá lugar a partir das 18:00 horas no Pavillón Municipal da Sangriña e estará aberta a toda a cidadanía, con entrada gratuíta.
A gala chega nun momento moi especial para ambas formacións, xa que se celebrará apenas un día antes da súa viaxe a San Sebastián, onde do 14 ao 19 de xullo terá lugar a final do Global Dance Open 2026, unha das competicións internacionais de danza máis prestixiosas.
Durante a tarde do sábado, o público poderá gozar dunha pequena mostra das coreografías que Dansá Performing Arts e RDS Company presentarán no certame mundial. Será unha oportunidade para descubrir o traballo, a dedicación e o talento das bailarinas e bailaríns que representarán á Guarda nun escenario internacional.
Nesta edición do Global Dance Open 2026, entre ambas formacións competirán con máis de 90 coreografías, tanto en modalidades grupais como individuais, participando en diferentes estilos e categorías xunto a escolas procedentes de distintos países.
A Gala Pre Mundial nace tamén como un acto de agradecemento ao apoio recibido ao longo da tempada por parte das familias e veciñanza, que poderán acompañar ás e aos integrantes de Dansá Performing Arts e RDS Company antes de afrontar un dos maiores desafíos da súa traxectoria anual.
Dende a organización convidan a toda a veciñanza a asistir a esta cita coa danza e a despedir ao equipo antes da súa participación nunha competición que reunirá a algúns dos mellores talentos internacionais.

